A transformación do pavillon de Meaño unha realidade co Plan Reacpon da Deputación

A presidenta provincial Carmela Silva e o alcalde Carlos Vieitez asinan o convenio para unha ambiciosa actuación de case medio millón de euros

27/01/2022

Firma ReacPon Meaño
 

A transformación do Pavillón de deportes de Meaño será posible grazas ao Plan ReacPon da Deputación, o plan de recursos extraordinarios destinados aos concellos que a institución puxo en marcha para reactivar a economía da provincia. A presidenta Carmela Silva e o alcalde Carlos Vieitez asinaron hoxe o convenio para iniciar unha ambiciosa actuación que supón un investimento de 450.400 euros, dos que a Deputación aportará 360.320 euros e o Concello os 90.080 restantes. A intervención dará solución ás carencias actuais do recinto que, amais, sitúase na mesma área do centro educativo e o espazo de servizos municipais, e será acondicionado de forma integral para convertelo nun equipamento accesible, eficiente e sostible.

Para a presidenta, Carmela Silva, é “un gran proxecto, un renovado pavillón adaptado ás esixencias da veciñanza, cun equipamento moderno e un espazo digno, como se merece toda a xente, viva onde viva”. Destacou que amais do acondicionamento e mellora estrutural, a actuación vai “mellorar as condicións estéticas” e, ao dotalo de accesibilidade, “permitir que poida ser usado por todas as persoas”. Tamén puxo en valor que se trate dunha rehabilitación dunha edificación existente xa que “é o que formulan tanto os fondos Next Generation como o Goberno do Estado a través do Plan de Resiliencia, que se aposte por converter a edificios actuais en espazos máis eficientes, que empreguen enerxías limpas, sostibles, e garantan que a veciñanza poida desenvolver actividades, neste caso deportivas, nas mellores condicións”.

“Somos moi conscientes –destacou- de que os concellos precisan recursos extraordinarios para impulsar grandes proxectos que cos ordinarios non poderían desenvolver”. Recordou que “é unha obriga” que os concellos, que “teñen demostrado ser moi eficientes e son a administración máis próxima, que mellor coñece as demandas da cidadanía, poidan ter capacidade de desenvolver grandes actuacións” e reclamou tanto á Unión Europea, como ao Goberno de España e á Xunta de Galicia a que “dediquen máis recursos directos aos concellos para que poidan facer fronte a todas esas grandes ideas que teñen, sobre todo neste momento de grandes transformacións no eido dixital, da cohesión social e territorial, da transición ecolóxica e da igualade. Teño serias dúbidas de que estas grandes transformacións que van permitir mellorar a vida da xente se poidan facer se o mundo local non recibe recursos”.

O alcalde de Meaño, Carlos Viéitez, agradeceu a disposición de recursos da Deputación aos concellos, sobre todo os máis pequenos, así como a súa colaboración e cooperación continua. Subliñou que “cada vez temos máis competencias impropias e menos recursos” polo que “afrontar un investimento como este, dedicado á modernización, acondicionamento e mellora do pavillón de Meaño sería difícil para nós sen contar co apoio da Deputación”. Sobre o proxecto destacou que será “un antes e un despois, unha gran obra, un gran investimento que vai permitir solucionar os problemas de accesibilidade nun equipamento moi empregado e de moita utilidade”.

O proxecto

A mellora da eficiencia enerxética e acondicionamento ten por obxectivos mellorar as condicións térmicas da edificación e adecuar a estrutura e configuración interior e exterior da instalación deportiva. Vanse solucionar os problemas de filtracións da cuberta cun novo sistema e falso teito, mellorar a envolvente térmica con novos sistemas de illamento e nova carpintería exterior, impulsar actuacións para o aforro de enerxía, dotar de accesibilidade aos espazos, cambiar percorridos de evacuación e circulación interiores, dotar de servizos sanitarios e mellorar os vestiarios coa renovación das instalacións de fontanería e iluminación. Tamén se acometerán reformas nas gradas, taparase o foso de acceso actual e forrarase con madeira laminada o graderío para mellorar o acabado.

videos

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 14 resultados.