Noticias

Corenta alumnas e alumnos participaron nos cursos de español para inmigrantes organizados pola Deputación en Pontevedra e en Vigo

As mulleres foron maioría nos cursos que terminan e cuxo alumnado se examinará agora da proba DELE A2, requisito fundamental para obter a nacionalidade española


10 setembro 2019
Curso español para inmigrantes

Corenta alumnas e alumnos participaron nos cursos de español para inmigrantes organizados pola Deputación de Pontevedra que se clausuran hoxe en Pontevedra e Vigo. Estes cursos, que a institución provincial subvenciona integramente incluíndo o custo da matrícula do DELE, están encamiñados á preparación do alumnado para examinarse da proba DELE A2 (Diploma de Español como Lingua Estranxeira, nivel A2), un requisito indispensable para que logo poidan obter a nacionalidade española. De feito, o Instituto Cervantes examinará as e os participantes este vindeiro venres, 13 de setembro, no Centro de Linguas de Vigo.

Na clausura do curso, a deputada Ana Laura Iglesias desexoulle sorte para o futuro ao alumnado participante na última clase de repaso en Pontevedra antes da proba. Animouno ao destacar que o pasado ano, das 45 persoas que se presentaron ao exame tras facer os cursos da Deputación, 44 o superaron, "así que a media de aprobados é moi alta", e subliñou a intención do Goberno de Carmela Silva de manter estes cursos nos vindeiros anos: "Ogallá podamos amplialos a máis xente". Lembrou que a Deputación organiza este programa desde hai tres anos "porque sabemos que teñen un custo e ás veces non se teñen os recursos necesarios, de xeito que é difícil chegar a eles". Neste sentido, Iglesias sinalou que "ás veces, a integración é complicada, pero desde a Deputación estamos moi comprometidos coa igualdade e a integración social, e por iso promovemos estes cursos para axudarvos a que podades aprobar este exame".

As mulleres foron maioría en ambos os dous cursos en Pontevedra e Vigo. Por países de procedencia, no primeiro caso a meirande parte proviñan de Marrocos, aínda que tamén de Brasil, Rusia, Palestina e Ghana. En Vigo, a maior parte das persoas participantes son de Senegal, seguidas das de Marrocos, Brasil, Rusia, Ucraína, Angola e Irán.

Ademais, este mércores comezará en Vigo o terceiro e último curso programado para este ano, no que tomarán parte outras vinte alumnas e alumnos. En total presentáronse 132 solicitudes para as 60 prazas existentes nos tres cursos. A Deputación destacou o 97,7 % de aprobados do exame do ano pasado e considera estes resultados especialmente positivos, sobre todo tendo en conta que a maior parte das persoas que se presentan tiveron que compatibilizar a formación e os estudos co seu traballo e, en moitos casos, tamén con cargas familiares sen apoio familiar. O alumnado que superou a proba DELE A2 pode, deste xeito, solicitar a nacionalidade española.

A través destas accións formativas a Deputación apoia a poboación de países ou territorios non hispanofalantes para que consigan esta titulación, favorecendo o seu proceso de integración. Os cursos son impartidos por persoal docente do Centro de Linguas da Fundación Universidade de Vigo.