Noticias

Cortes puntuais de tráfico na EP-0004 polo formigonado do van do viaduto da A-57 en Marcón

A construtora San José está a formigonar o van da ponte no lugar de Pintos


31 maio 2019
Cortes de tráfico

As obras da autovía A-57 que circunvalará Pontevedra volven de novo a modificar a normal circulación de vehículos pola estrada provincial EP-0004 en Marcón. Neste caso, a empresa construtora advirte de que durante o día de hoxe e do próximo luns día 3 produciranse cortes puntuais do tráfico debido ao formigonado do van do viaduto de Pintos, habilitando os itinerarios e desvíos alternativos necesarios.

Hai dez días as obras xa obrigaron a cortar o tráfico pola instalación de vigas e prelousas no van do viaduto que discorre por riba da vía da Deputación, traballos que se unen aos máis de dous meses que estivo cortada a vía para modificar a súa traza orixinal e construír a estrada dende cero desviada lixeiramente cara á esquerda, baixando tamén a súa cota e eliminando dúas curvas. A reconstrución da estrada debíase a que co novo viaduto a pista da Deputación quedaría sen o gálibo suficiente para manter o tránsito rodado no punto 1+300. A nova ponte da A-57 construída por San José ten 105 metros de lonxitude, 3,5 metros por carril, e tres vans, e salva o río Pintos.