Noticias

Covelo recibe o son de Festicultores Troupe ao través do programa da Deputación Musigal 2019

Máis de 100 grupos e artistas da provincia participan na segunda edición da iniciativa da Deputación, que conta cun orzamento de medio millón de euros


25 xullo 2019
Musigal en A Paradanta

Este venres 26 de xullo o grupo Festicultores Troupe subirase ao escenario en Covelo nunha actuación organizada ao abeiro de Musigal 2019, o programa da Deputación de Pontevedra. Nos seus espectáculos o grupo galego mestura humor, performance e música festeira que non deixa indiferente a ninguén.

O programa Musigal 2019 naceu co obxectivo de favorecer a programación artística por parte dos concellos e diríxese especificamente aos grupos e artistas profesionais de música. Un dos seus obxectivos é a dinamización da lingua galega, en canto que busca favorecer a vivencia positiva no noso idioma e contribuír á posta en valor da lingua galega e ao incremento do seu uso e prestixio, á socialización en galego da infancia e da mocidade e á toma de consciencia sociolingüística da poboación da provincia de Pontevedra. Este 2019 participan no programa da institución provincial máis de 100 grupos e artistas. Esta segunda edición do programa, que conta cun orzamento de 500.000 euros, incrementou notablemente as solicitudes de inscrición con respecto á primeira edición, que había arrancado con 70 inscritos.

Como o ano pasado neste programa existen seis categorías musicais: ‘Son muller', na que poden inscribirse grupos nos que polo menos o 60 % das persoas integrantes e a vocalista sexan mulleres; "Son crianza" para grupos con espectáculos dirixidos ao público infantil e familiar; "Son mocidade" para grupos nos que polo menos o 60 % das persoas integrantes sexan menores de 35 anos; "Son tradición" para grupos de música tradicional galega; "Son clásico" para grupos de música clásica que teñan no seu repertorio composicións de autoras e autores galegos; e "Son actual" para grupos de pop, rock, hip hop e música electrónica.