Noticias

#COVID-19 A Deputación de Pontevedra lanza en liña a quinta edición do ‘coworking' de Barro

Ante a situación derivada da crise sanitaria, as 20 persoas participantes poderán seguir as formacións a través da plataforma Blackboard Collaborate


27 marzo 2020

A quinta edición do coworking da Deputación de Pontevedra en Barro botará a andar de forma non presencial, en liña, o vindeiro 13 de abril, debido á situación derivada pola COVID-19, e contará coa participación de 20 persoas emprendedoras, 11 mulleres e 9 homes. Será a primeira vez que o evento, que impulsa a institución provincial xunto á Escola de Organización Industrial, se desenvolva de xeito dixital, xa que ambas as dúas institucións concordan en seguirlles facilitando ás persoas emprendedoras as ferramentas necesarias para non interromper a actividade.

O programa realizarase a través da plataforma Blackboard Collaborate da EOI, que xestionará a mentora residente, na que as persoas participantes poderán seguir as formacións dos obradoiros desde calquera ordenador portátil, de sobremesa ou incluso desde un teléfono móbil. Ademais da plataforma habilitada, tamén poderán usar Skype ou outras opcións de videochamada para titorías individuais. Está previsto que o coworking de Barro se desenvolva de xeito telemático durante os meses de abril e maio e, se é posible, que se retome a modalidade presencial nos meses de xuño e xullo.

A través do coworking de Barro, que nesta edición ten como lema "Apostando por un futuro sostible en 2030", a Deputación de Pontevedra pretende fomentar o emprendemento e aumentar as posibilidades de éxito dos proxectos de negocio que participen, identificando as propostas con máis potencial de crecemento e buscando que os proxectos participantes se poidan incorporar en aceleradoras para cubrir así a seguinte fase no desenvolvemento das súas empresas. Deste xeito, poñeranse en marcha sesións de formación en liña sobre Lean Startup, modelos de negocio, habilidades de emprendemento, finanzas, modelos de xestión, fórmulas legais, estratexias de comunicación, creatividade e innovación, plans de márketing dixital e plan comercial ou xestión das redes sociais.

Con este programa de emprendemento acompañarase as persoas emprendedoras ao longo do proceso, desde o deseño do modelo de negocio ata a súa posta en marcha e optimización. Axudarase as persoas emprendedoras a validar o seu modelo de negocio con metodoloxías áxiles, así como a desenvolver as habilidades necesarias para poñelo en marcha. Esta nova edición do coworking de Barro levarase a cabo ata xullo e, ao igual que nas edicións anteriores, está previsto que remate co "DemoDay", no que as e os participantes presentarán os seus proxectos empresariais. A anterior edición do coworking pechouse en xaneiro coa participación de 19 iniciativas emprendedoras.