Noticias

#COVID-19 A Deputación de Pontevedra lanza "Viaxa mañá", a campaña turística "dos afectos e do recoñecemento ao sector"

Trátase dunha ambiciosa aposta nacional e internacional na que se apela a aprazar a viaxe ás Rías Baixas, onde agardan infinidade de recursos "dos que estamos coidando para que poidan gozar deles mañá, xunto a un sector unido que está a facer un grande esforzo para darlle resposta a este reto"


03 abril 2020

O Goberno de Carmela Silva lanzou hoxe mesmo unha ambiciosa campaña nacional e internacional: "Viaxa mañá", un audiovisual que pon en valor os recursos da provincia de Pontevedra e o esforzo que está a facer o sector turístico ante a pandemia e que, nestes momentos de confinamento nos que todas e todos temos que quedarnos na casa, na provincia de Pontevedra "tanto o sector privado coma as administracións estamos a traballar para que poidan vir mañá e se atopen con todo o que esperan".

Trátase dunha aposta "emocional e desde a necesidade dos afectos" que se fai a través dun audiovisual que recolle, en liña cos argumentos da Organización Mundial do Turismo, un chamamento á solidariedade e a responsabilidade das persoas para que apracen a desexada viaxe ás Rías Baixas, onde agardan numerosos recursos turísticos "dos que estamos a coidar", xunto a un sector turístico unido "que está a facer un grande esforzo para darlle resposta a este reto", tal e como se detalla na peza de vídeo.

O audiovisual, en galego, castelán e inglés, percorre espazos turísticos da provincia de Pontevedra baixo os parámetros da sustentabilidade, a natureza, a cultura, a calidade e os valores da Axenda 2030, poñendo en valor o sector e o compromiso, sacrificio e esforzo que está facendo para afrontar esta situación e estar preparado para cando a crise sanitaria remate. Deste xeito, a peza presenta diferentes recursos dunha provincia de Pontevedra que "te espera" e dun sector turístico que está a traballar para que "poidas volver o antes posible. Ímolo celebrar coma nunca, porque estamos máis unidas e unidos que nunca pese á distancia".

Ademais desta campaña, a Deputación de Pontevedra ten en marcha numerosas iniciativas para continuar impulsando a calidade do destino e dinamizando o sector turístico. Así, en canto á calidade, estase a impulsar un plan de formación online do Sistema Integral de Calidade Turística en Destinos (SICTED), no que, en poucas horas dende a apertura do prazo de inscrición, xa están anotadas máis dun centenar de empresas que están a participar este ano no Plan de Calidade da institución provincial.

No que respecta á dinamización do sector están en marcha dúas accións a través de redes sociais e das páxinas web www.depo.gal e www.turismoriasbiaxas.com que están a encontrar unha enorme receptividade por parte da cidadanía. O mellor exemplo está a ser #21Days21Destinations, que difunde e comparte os recursos turísticos da provincia cun grande impacto, xa que están a participar nesta acción numerosas blogueiras e blogueiros. Nas redes, nas primeiras 48 horas da campaña alcanzáronse arredor de de 470.000 persoas, cun impacto potencial de 1,7 millóns, 3.800 reaccións e 325 retweets.