Noticias

#COVID-19 Grande acollida dos concellos da provincia ás axudas da Deputación de Pontevedra pola crise sanitaria

As dúas da tarde xa eran corenta as solicitudes de 37 concellos, 25 deles para a liña de axudas extraordinarias e 15 para as axudas de emerxencia, por un importe de máis de 735.000 euros


27 marzo 2020
Deputación de Pontevedra

As medidas extraordinarias impulsadas esta mesma semana pola Deputación de Pontevedra para que os concellos máis pequenos da provincia puidesen dispoñer de recursos para facerlle fronte á COVID-19 están a espertar unha grande acollida ás poucas horas de seren aprobadas. Deste xeito, ás 14.00 h deste venres xa eran 40 as solicitudes de achegas provinciais dun total de 37 concellos, tanto no marco da nova liña de axudas extraordinarias (dotada con 1,3 millóns de euros) coma no das axudas básicas de emerxencia (dotada con 500.000 euros), das que, unha vez modificadas as bases, poden recibir o 100 % da contía. Ata agora, o importe total das axudas solicitadas ascende aos 735.667 euros.

No caso da liña de axudas extraordinarias, a deputación xa está a tramitar as solicitudes de 25 concellos: Agolada, Barro, Covelo, Crecente, Dozón, Fornelos de Montes, A Illa de Arousa, Moaña, Mos, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Rodeiro, Silleda, Vilanova de Arousa, Mondariz, Tui, Cambados, Moraña, Tomiño, A Guarda, Gondomar, O Grove, Salvaterra de Miño e Vila de Cruces, o que supón un importe total de 592.317 euros.

A estas peticións hai que engadirlles as das axudas básicas de emerxencia, que xa teñen aprobadas (e, polo tanto, pendentes de pagamento) un total de 15 concellos:  A Cañiza, Baiona, Caldas de Reis, Cambados, Cerdedo-Cotobade, Crecente, Forcarei, A Guarda, Meis, Nigrán, O Rosal, Oia, Ponte Caldelas, Portas e Tui, por un importe total de 143.350 euros. Esta mesma semana modificáronse as bases para que os concellos máis pequenos puidesen dispoñer de xeito inmediato do 100 % da contía para facerlles fronte ás demandas de alimentos, produtos de hixiene, gastos farmacéuticos ou material ortopédico das unidades familiares en situación de especial vulnerabilidade e das persoas dependentes ou con diversidade funcional.

Arbo, primeiro concello que solicita anticipo do fondo do ORAL

Pola súa banda, o concello de Arbo trátase do primeiro municipio en solicitar o anticipo do novo fondo de liquidez do ORAL para facerlles fronte ás necesidades da veciñanza xeradas por esta crise sanitaria. A solicitude de Arbo, concello gobernado polo PP, chegou este mércores 25 de marzo e, en menos de 48 horas, o Goberno provincial xa autorizou o anticipo excepcional das taxas e prezos públicos que lle corresponden atendendo ao recadado no 2019, un total de 174.320,72 euros.

Deste xeito, e pese a que a Deputación de Pontevedra aínda non cobrou nada do correspondente a este ano, a institución provincial está a paliar as demoras de liquidez dos concellos da provincia adiantando de xeito totalmente gratuíto e sen intereses o 100 % das contías recadadas polo ORAL en canto ás taxas e prezos públicos no 2019, xa entregadas aos concellos.

Con estas iniciativas estase a dotar de recursos aos concellos de xeito útil, próximo, áxil e respectando a autonomía municipal, dándolles resposta inmediata ás necesidades das vilas e aldeas para que poidan atender a cidadanía por mor desta crise sanitaria.