Noticias

#COVID-19 Máis de 5.600 persoas dos concellos da provincia traballan en remoto cos plans tecnolóxicos da Deputación de Pontevedra

Na institución provincial son máis de 550 persoas as que están a desenvolver as tarefas desde os seus domicilios


26 marzo 2020

Nestes momentos de confinamento, os plans tecnolóxicos que a Deputación de Pontevedra impulsa desde o 2016 nos concellos da provincia están a posibilitar que ata máis de 5.600 traballadoras e traballadores poidan desenvolver as súas tarefas municipais con total seguridade desde os seus domicilios. Trátase de iniciativas baseadas no traballo na nube, coma a Administración electrónica e o Padrón Municipal de Habitantes, das que se están a beneficiar de balde 53 e 31 concellos da provincia, respectivamente.

Os concellos da provincia beneficiarios desta tecnoloxía non precisan dispoñer de servidores locais ou infraestruturas específicas de telecomunicacións, xa que os servizos préstanse gratuitamente a través da nube. Deste xeito, as persoas traballadoras dispoñen dun ordenador e de conexión a Internet e executan as súas funcións e tarefas en remoto, desde os seus domicilios, con total seguridade. Ademais, en canto remate o estado de alarma, e seguindo coa ampliación de servizos tecnolóxicos dos concellos, a Deputación de Pontevedra vai impulsar unha nova iniciativa, pioneira na Administración local, dirixida a todas as entidades locais da provincia para facer copias de seguridade na nube.

Pola súa banda, o persoal da Deputación tamén está a desenvolver as súas tarefas en remoto desde os seus domicilios a partir da declaración do estado de alarma. Deste xeito, son máis de 550 as persoas que se conectan para poder executar o seu traballo en remoto grazas ao plan de continxencia impulsado polo Servizo de Novas Tecnoloxías da institución desde comezos de marzo, que consistiu no reforzo dos servidores informáticos, na configuración a distancia dos equipamentos informáticos e telecomunicacións e ata na cesión de material.