Noticias

#COVID-19 Smartpeme pon en marcha esta vindeira semana outros seis obradoiros online

Ata o 26 de xuño o programa de asesoramento tecnolóxico da Deputación oferta cursos sobre palabras clave, infografías ou ensamblaxe 3D


21 xuño 2020

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta a cuarta semana de xuño seis novas accións formativas impartidas de xeito online, enmarcadas na carteira de obradoiros que se imparten de forma telemática. As accións, con 10 prazas cada unha, versan sobre xestión de redes sociais, ferramentas para a mellora da web, ciberseguridade, copywritting, ferramentas para empresas turísticas, promoción das empresas ou técnicas de marketing.

A semana comezará con dous obradoiros que se impartirán o luns 22. O primeiro deles chegará da man de Adrián Fernández, licenciado en Comunicación Audiovisual, baixo o título de "Estratexia de palabras clave para posicionar o teu negocio online" mentres que no segundo farase unha "Introdución a Google Adwords" con María Aller, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas. De cara ao martes 23 Esther Garcinuño, diplomada en Ciencias Empresariais, adentrarase no mundo de "Google Analytics para a toma de decisións".

Chegados ao xoves 25, Mariana Rosa, técnica superior en Axencias de viaxes e xestión de eventos, ensinará a "Como mellorar o posicionamento local da túa empresa turística" e Lara Taboada, titulada superior en Ensinos Artísticos de Deseño Gráfico, impartirá un obradoiro titulado "Infografías: representa a información de maneira visual". Para rematar a semana, o venres 26 o experto universitario en robótica Manuel Freire abordará o "Ensamblaxe 3D con Onshape II".