Noticias

#COVID-19 SmartPeme pon en marcha outros seis obradoiros en liña na vindeira semana

Ata o 3 de xullo o programa de asesoramento tecnolóxico da Deputación de Pontevedra oferta cursos sobre optimizacións de imaxes, ferramentas de chat ou ciberseguridade


28 xuño 2020

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta na vindeira semana seis novas accións formativas impartidas de xeito en liña, enmarcadas na carteira de obradoiros que se imparten de forma telemática. As accións, con 10 prazas cada unha, versan sobre xestión de redes sociais, ferramentas para a mellora da web, ciberseguridade, copywritting, ferramentas para empresas turísticas, promoción das empresas ou técnicas de márketing.

A semana comezará este luns co obradoiro Mellora a Túa Presenza Online Promocionando as Entradas do Teu Blog, ás 13 horas, a cargo de Laura Carrera, graduada en Publicidade e Relacións Públicas. De cara ao martes 30, realizaranse dous obradoiros, ás 12 o enxeñeiro informático José Luis Taboada impartirá Consideracións á Hora de Crear o Meu Modelo de Negocio e pola tarde, ás 17 horas, será a quenda de Optimización de Imaxes: Mellora a Velocidade da Túa Web, a cargo de Lara Taboada, titulada superior en Ensinos Artísticos de Deseño Gráfico.

O mércores 1 de xullo, a partir das 12 horas terá lugar Ferramentas de Chat e Atención ao Cliente, que impartirá a licenciada en Publicidade e Relacións Públicas, Fátima Faílde. No que respecta ao xoves 2, ás 17 horas, Esther Garcinuño, diplomada en Ciencias Empresariais, desenvolverá o obradoiro Aprende a Promocionar a Túa Empresa con Pinterest; e, para rematar a semana, o venres 3, ás 12 horas, chega Ciberseguridade–Por Que Necesito Unha VPN? Configuración Básica, a cargo de Manuel Freire, experto universitario en Robótica, Programación e Impresión 3D.