Noticias

#COVID-19 Xuntanza telemática do ORAL coas alcaldesas e alcaldes da provincia para resolver dúbidas e darlles seguridade aos concellos no cobro de taxas e impostos

Carlos Font e a directora do Organismo de Recadación, desde a vontade de colaboración e respecto da autonomía local, tamén informaron do novo calendario fiscal que ofrece a máxima flexibilidade mesmo con impostos fraccionados en seis mensualidades


12 maio 2020
Reunión telemática do ORAL coas alcaldías

Na liña de colaboración e de máximo apoio antes as novas necesidades derivadas da crise sanitaria, a Deputación de Pontevedra volveu realizar unha nova xuntanza de coordinación e asesoramento cos concellos da provincia, esta vez destinada a esclarecer dúbidas e darlles seguridade xurídica respecto á política tributaria. Un total de 31 alcaldesas e alcaldes participaron na reunión telemática coordinada polo deputado de Economía e Facenda, Carlos Font, e a directora do Organismo de Recadación Local (ORAL), Inmaculada Viñas, para despexar todas as incógnitas respecto ao cobramento de taxas e impostos nunha complicada anualidade fiscal marcada polos efectos da pandemia e a suspensión de prazos derivada do estado de alarma. O resto de concellos participantes, ata un total de 42, estiveron representados por concelleiras e concelleiros ou por técnicas e técnicos municipais.

Carlos Font destacou que a Deputación ten moi claro que o seu papel consiste en estar ao lado dos concellos, respectando sempre a autonomía local pero axudándoos en todos os ámbitos "porque sabemos moi ben que son os concellos os que están en primeira liña atendendo a cidadanía". O deputado remarcou que a Deputación se esforzou desde o primeiro momento en reaccionar rápido, con medidas orientadas á colaboración institucional para axudar á adaptación do municipalismo á "nova realidade". Esta xuntanza, que se prolongou durante hora e media, era "moi necesaria" e resultou clarificadora, segundo dixo Font, "pois a xestión tributaria nun ano tan extraordinario coma este suscita moitas dúbidas que a Deputación quere axudar a despexar para que os concellos dispoñan da información necesaria para tomar as mellores decisións".

Inmaculada Viñas detallou todas as medidas tomadas ata agora e destacou que o ORAL foi quen de realizar, de xeito telemático, ata un 90 % da súa actividade ordinaria e que afrontou estes dous meses a flexibilización ao máximo dos pagamentos e a paralización, durante o estado de alarma, tanto dos padróns que xa estaban ao cobro como da recadación executiva. Fixo tamén un esforzo por manter informados aos concellos a través da súa plataforma electrónica e por asesoralos individualmente. Finalmente, reforzou a súa atención telefónica ao público e tamén a interacción electrónica coa habilitación dunha clave provisoria para contribuíntes sen certificado, clave ou sinatura dixital. Tamén proporcionou unha liña de liquidez inmediata de 21 millóns de euros cos anticipos extraordinarios de ata o 100 % da recadación do ano anterior para cada concello.

Durante a sesión estudáronse as opcións de modificar ordenanzas fiscais e tamén a de interpretalas no sentido de posibilitar bonificacións fiscais en determinadas taxas e impostos. O ORAL, respectando sempre a autonomía dos concellos, puxo sobre a mesa a xurisprudencia do Tribunal Supremo e o encaixe legal deste tipo de medidas, que se deben amparar correctamente no marco legal para que a súa seguridade xurídica non quede comprometida. Ao tempo, falouse amplamente da posibilidade de facer exencións de cobro nos servizos municipais que non se prestaron durante o estado de alarma, entre os que destaca, pola súa maior viabilidade xurídica, a ocupación de espazo público polas terrazas de establecementos hostaleiros.

As preguntas que formularon as alcaldes e alcaldes tamén gardaron relación coa posibilidade de aprazar ou de suspender as taxas de recollida de lixo e coa conveniencia de adiar os prazos de cobramento voluntario dos impostos e mesmo de estendelos ata o 30 de decembro.

Novo calendario fiscal á carta

Durante a reunión, a directora do ORAL presentou o novo calendario fiscal 2020, o cal substitúe o aprobado a principios de ano e introduce, entre outras novidades, a posibilidade dun fraccionamento de impostos que nalgúns casos chega ata seis mensualidades. A modificación é produto do cambio na ordenanza fiscal do ORAL que se aprobou por unanimidade no pleno da Deputación do pasado 24 de marzo. A Deputación introduce así un novo calendario á carta que facilita ao máximo o pagamento das obrigas da veciñanza coas arcas municipais.

O novo período voluntario de pagamento inclúe a opción de realizar un pagamento fraccionado do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) e do Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM) os días 5 de cada mes a partir de xuño e ata decembro. Finalmente, o período voluntario do Imposto sobre Actividades Económicas (IAE) irá de setembro a decembro. Os pagamentos fraccionados serán posibles por mensualidades e cargaranse cada día 5 entre os meses de setembro e decembro. No que se refire ás taxas municipais, que se liquidan en catro trimestres, a Deputación xa suspendeu o período de pagamento voluntario do primeiro trimestre, que tería que comezar o 6 de febreiro. Este permanecerá suspendido mentres estea en vigor o estado de alarma, pero estímase que o período rematará ao longo do mes de xuño. O novo calendario publicarase antes de finais de maio, xa que se está a estudar a posibilidade técnica de incluír no texto varias demandas propostas no seo da xuntanza de hoxe.

Na xuntanza participaron representantes –na súa meirande parte alcaldesas e alcaldes– dos concellos con recadación delegada no ORAL; é dicir, os da Cañiza, A Estrada, Agolada, A Lama, Arbo, As Neves, Baiona, Barro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Cangas, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Gondomar, O Grove, Lalín, Meaño, Meis, Moaña, Moraña, Mondariz, Mondariz-Balneario, Mos, Oia, O Porriño, O Rosal, Poio, Ponteareas, Ponte Caldelas, Pontecesures, Rodeiro, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Vilaboa, Vila de Cruces e Vilanova de Arousa.