Noticias

#COVID19 A Deputación anticipa a tres novos concellos da provincia máis de medio millón de euros do fondo de liquidez do ORAL

Cerdedo-Cotobade, Catoira e Cuntis terán en 48 horas os fondos que solicitan como adianto da recadación tributaria prevista para este ano


04 abril 2020
Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra vén de autorizar o anticipo do novo Fondo de Liquidez do ORAL aos concellos de Cerdedo-Cotobade, Catoira e Cuntis por un importe total de 542.323,06 euros. O diñeiro é adiantado aos concellos pola institución provincial a coste cero, a pesar de que o Servizo ORAL, no que teñen delegadas as competencias para o cobro e taxas e tributos, aínda non recadou nada do correspondente a este ano 2020.

O obxectivo desta medida extraordinaria da Deputación é dotar de máis recursos ás vilas da provincia para que poidan así facer fronte ás necesidades da súa veciñanza nesta situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19.  Anteriormente, os concellos de Arbo e Ponte Caldelas foron os primeiros en acollerse a este Fondo do ORAL que se puxo en marcha a fin de paliar as demoras de liquidez dos municipios. Con esta iniciativa, respéctase a autonomía municipal e dáse resposta en menos de 48 horas ás necesidades das vilas e pobos para que poidan enfrontar á crise.

A solicitude de Cerdedo-Cotobade é do 50% da recadación, 79.073,77 euros atendendo ao recadado no concello en 2019. Chegou este venres e xa se elaborou a autorización a fin de que o próximo luns comecen os trámites en Tesourería para ingresar de forma inmediata este anticipo excepcional da metade das taxas e prezos públicos que lle corresponden á vila.

Pola súa banda, os concellos de Catoira e Cuntis solicitaron o 100% da recadación prevista para este ano, o que supón 349.562,73 euros e 113.686,56 euros respectivamente, tomando tamén como referencia o diñeiro recadado no ano anterior.

O Fondo de Liquidez do Servizo ORAL forma parte da batería de medidas postas en marcha polo goberno da Deputación de Pontevedra, a raíz do Estado de Alarma, polo coronavirus para achegar recursos de xeito útil, próximo, rápido e eficaz aos concellos máis pequenos da provincia. Ao Fondo do ORAL hai que engadir as axudas extraordinarias; a modificación das axudas de emerxencia para poder obter o 100% desde o primeiro momento; a do Plan de Servizos Básicos Comunitarios e o SAF; e o cambio da Liña 2 do Plan Concellos que os municipios da provincia poden agora destinar á crise sanitaria. Todas estas medidas supoñen poñer a disposición dos concellos máis de 28 millóns de euros.