Noticias

#COVID-19 A Deputación pon case 510.000 euros ao dispor dos concellos das comarcas de Deza e Terra de Montes para que poidan afrontar emerxencias sociais

Estas achegas enmárcanse nas axudas en materia social para os concellos máis pequenos da provincia, cun importe de máis de catro millóns de euros


24 marzo 2020
Axudas concellos

Os seis concellos de menos de 20.000 habitantes das comarcas de Deza e Terra de Montes xa teñen á súa disposición arredor de 510.000 € en axudas para emerxencias sociais, medida que a Deputación de Pontevedra pon en marcha para facerlles fronte ás novas necesidades da crise sanitaria do coronavirus. Hoxe publícanse no BOPPO a nova liña de axudas sociais extraordinarias e o Plan de servizos comunitarios básicos e do servizo de axuda no fogar (SAF), que, xunto coas axudas de emerxencia, constitúen un fondo destinado aos concellos máis pequenos da provincia que ascende a máis de catro millóns de euros (medio millón para as axudas básicas de emerxencia, 2,2 millóns para o Plan de servizos comunitarios básicos e o SAF e 1,3 millóns para a nova liña de axudas extraordinarias). En concreto, os concellos das comarcas de Deza e Terra de Montes que xa poden pedir as axudas son Agolada, Dozón, Rodeiro, Silleda, Vila de Cruces e Forcarei.

Máis polo miúdo, o concello de Agolada recibirá cerca de 85.000 € da Deputación de Pontevedra, distribuídos entre 7.000 € de axudas de emerxencia, 50.633,27 € da liña de axudas para servizos sociocomunitarios e o SAF, 12.700 € da nova liña de axudas extraordinarias segundo tramos de poboación e 14.556,15 € segundo o índice de envellecemento.

No caso de Dozón as axudas ascenden a máis de 76.000 €, dos cales 7.000 € proveñen das axudas básicas de emerxencia, arredor de 42.000 € da liña de axudas para servizos sociocomunitarios e o SAF, 12.700 € da nova liña de axudas extraordinarias segundo tramos de poboación e 14.556,15 € segundo o índice de envellecemento.

Pola súa banda, o concello de Rodeiro beneficiarase de máis de 60.500 € da Deputación de Pontevedra, distribuídos en 6.400 € das axudas básicas de emerxencia, case 27.000 € das axudas de servizos sociocomunitarios e o SAF, 12.700 € da nova liña de axudas extraordinarias segundo tramos de poboación e 14.556,15 € segundo o índice de envellecemento.

O concello de Silleda percibirá arredor de 101.000 €, dos cales 7.650 € correspóndense coas axudas de emerxencia, cerca de 61.000 € cos servizos sociocomunitarios e o SAF, 17.780 € coa nova liña de axudas extraordinarias segundo tramos de poboación e 14.556,15 € segundo o índice de envellecemento.

No caso de Vila de Cruces as achegas ascenden a máis de 93.000 €, distribuídos en 7.650 € das axudas de emerxencia, máis de 53.000 € dos servizos sociocomunitarios e o SAF, 17.780 € da nova liña de axudas extraordinarias segundo tramos de poboación e 14.556,15 € segundo o índice de envellecemento.

As axudas da Deputación de Pontevedra para Forcarei ascenden a arredor de 91.000 €, dos cales 7.000 € correspóndense coas axudas de emerxencia, máis de 54.000 € cos servizos sociocomunitarios e o SAF, 15.240 € coa nova liña de axudas extraordinarias segundo tramos de poboación e 14.556,15 € segundo o índice de envellecemento.

Ademais destas axudas para os concellos en materia social, o Goberno da Deputación de Pontevedra tamén publicou hoxe no BOPPO as axudas de anticipos tributarios do novo fondo de liquidez do ORAL, dotado con 21 millóns de euros para os concellos que teñen delegadas as súas competencias neste servizo.