Noticias

#COVID19 A Deputación xa ten todo listo para o remate da desescalada cara á atención ao público e á reorganización do traballo interno

A institución provincial manterá a atención telemática e recuperará a presencial, aínda que con cita previa e novos protocolos de seguridade


16 maio 2020
Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra xa ten todo preparado para ao remate da desescalada cara a aplicar as novas normas de protección e seguridade e os criterios de organización tanto para a atención ao público coma para o funcionamento interno da institución provincial. A presidenta, Carmela Silva, asinará unha nova resolución presidencial que contemplará a nova normativa de aplicación en todas as dependencias e organismos, da que xa se falou cos grupos políticos e cos sindicatos con representación na Deputación.

A atención ao público, a parte máis visible na nova cultura organizativa da Deputación, vai cambiar de xeito substancial a partir da fase 2, prevista en principio para o día 25 de maio, coincidindo coa progresiva reincorporación do persoal ao traballo presencial. Continuará facéndose por vía telefónica ou telemática, pero tamén poderá ser presencial para aquelas persoas que soliciten cita previa individual na sede electrónica.

Haberá moitos cambios na fisionomía da Deputación a fin de coidar ao máximo a seguridade. Así, a persoa que se achegue ao Pazo provincial, ao Edificio Administrativo, ao palacete das Mendoza, á sede central de ORAL ou á sede da Deputación en Vigo atoparase con medidas moi exhaustivas para garantir a protección de todas e todos.

No acceso instalaranse alfombras de desinfección para o calzado e fontes dispensadoras de hidroxel para as mans que se accionarán co pé. A persoa visitante pasará despois polo control de temperatura, que nun primeiro momento se fará con cámaras termógrafas e posteriormente con arcos de medición. Unha vez cumpridas estas medidas de protección, a persoa visitante dispoñerá de atención personalizada para guiala ata a dependencia á que se dirixa. Para isto empregaranse circuítos peonís independentes de entrada e saída, evitando sempre a formación de colas, e quedará prohibido permanecer nas zonas comúns de paso. O uso dos ascensores quedará restrinxido ás persoas con dificultades de mobilidade.

Todas as estancias dispoñerán de carteis con indicacións de carácter hixiénico e de mantemento da distancia social, controlaranse os fluxos de movemento e haberá máscaras e luvas en todos os servizos provinciais. Elementos coma anteparos, biombos e outros elementos separadores pasarán a formar parte dos espazos de atención ao público e dos propios centros de traballo nos que sexa imposible gardar a distancia de 2 metros entre o persoal.

Para a petición de cita previa no caso do Rexistro e da sede central de ORAL establecerase un novo programa informático que ofrecerá tramos horarios para escoller o que máis lle conveña á persoa solicitante. En canto á documentación, esta deberá entregarse en formato electrónico; só nos casos nos que isto sexa imposible admitirase en formato físico, seguindo protocolo específico de hixiene das mans e da mesa na que se produza o intercambio.

Outros organismos ou dependencias esenciais da Deputación de Pontevedra dispoñerán de protocolos propios e específicos de protección, hixiene, desinfección e seguridade. É o caso do Centro Príncipe Felipe, do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra e doutras instalacións, coma os castelos de Soutomaior e Sobroso.

Reorganización funcionamento interno

En canto ao funcionamento interno da Deputación, a novidade máis importante será a progresiva reincorporación do persoal ao traballo presencial, tendo en conta que, ata agora, arredor de 600 traballadoras e traballadores están a desenvolver o seu labor de forma telemática. De feito, poñerase en marcha un modelo de reorganización do traballo en catro modalidades distintas, que van desde a presencial á telemática, pasando pola mixta e polo traballo principalmente en remoto, e que irá encaixando en función das necesidades de cada servizo, así como das características dos distintos colectivos laborais. As traballadoras e traballadores con enfermidades graves, as mulleres embarazadas e as e os maiores de 60 anos con algunha patoloxía serán persoas vulnerables para os efectos da organización laboral.

Desde o inicio da fase 2 a reincorporación na modalidade presencial será parcial, introducindo quendas de traballo con rotacións semanais para garantir que se respecten as distancias interpersoais. De feito, fíxose un completo estudo de avaliación de distancias e espazos e, a fin de facer posible a distribución das quendas, ampliarase o horario de oficina ata o abano que vai das 7.00 ás 21.00 horas. Durante esta etapa traballarán presencialmente o persoal traballador con responsabilidade de xestión, o persoal de atención ao público, o persoal de oficios ou de arquivos e aquelas persoas que, polas características do espazo no que desempeñan as súas funcións, poidan facelo con seguridade. Na modalidade mixta estarán as demais traballadoras e traballadores. Xa para a fase 3, prevista inicialmente para o 8 de xuño, a Deputación prevé que a modalidade de traballo para todo o cadro de persoal poida ser presencial, agás nos casos nos que non sexa posible respectar as medidas de precaución.

As medidas de seguridade, protección, hixiene e desinfección serán extremas para garantir a saúde do persoal da Deputación de Pontevedra. A limpeza interior farase dúas veces na xornada. Ademais, queda establecido que os baños deben hixienizarse 6 veces ao día e o aire de cada estancia deberá renovarse por completo nun tempo máximo de 5 minutos. Finalmente, ordenarase a limpeza periódica dos filtros de aire. Para os casos de útiles ou equipos informáticos utilizados por varias persoas, obrígase á súa desinfección entre quendas.

As xuntanzas telemáticas internas pasarán a ser norma na Deputación e, para os casos nos que non sexa posible, determínase que as salas deberán quedar completamente recollidas e desinfectadas cando varíen as persoas asistentes. As actividades formativas presenciais quedan prohibidas agás que resulten imprescindibles e, finalmente, a presencia en vehículos oficiais limítase a dúas persoas.

En canto ás probas selectivas en marcha, queda fixado que, cando finalice a suspensión dos prazos administrativos, estas deberán pospoñerse para evitar a concorrencia masiva de persoas e, en todos os casos, deberán respectarse as normas de distancia de seguridade.