A Deputación arranca a celebración do 8M coa declaración institucional no Pleno Provincial da man da politóloga Priscila Retamozo

A institución provincial presentará o próximo luns a súa programación con motivo do 8M que se estenderá durante todo o mes de marzo

25/02/2022

Declaración institucional 8M

Priscila Retamozo, politóloga especializada en igualdade de xénero e coordinadora da formación para a mocidade “Canteira de Igualdade” da Escola María Vinyals, foi a encargada de dar o pistoletazo de saída aos actos que a Deputación de Pontevedra ten programados con motivo do 8M. Fíxoo coa lectura dunha declaración institucional previa ao pleno na que reclamou a axenda da paridade “non só como un dereito fundamental, senón tamén como unha necesidade urxente para asegurar a eficiencia e a credibilidade do noso sistema democrático” e desexou que “este 8 de marzo sexamos máis conscientes ca nunca de que o momento para mudar as cousas é agora”. As súas palabras foron ovacionadas por toda a corporación provincial e avaladas pola presidenta da Deputación, Carmela Silva, que as definiu como “unha xanela de optimismo” xa que “sen igualdade non hai avance posible da sociedade”. Como xesto de agradecemento, a presidenta agasallou a Retamozo coa interpretación en cerámica dunha camelia branca -a flor que identificaba ás sufraxistas- obra da artesá Ana Tenorio.

Priscila Rematozo comezou a súa intervención lembrando unha anécdota na que puxo de relevancia a “importancia de representación” para que as e os máis pequenos poidan soñar “libres de estereotipos sexistas e de imposicións patriarcais” e continuou reivindicando a axenda da paridade: “este ten que ser o ano no que finalmente nos vexamos onde nos corresponde como cidadás, en equidade en absolutamente todos os ámbitos”. Tamén puxo o foco na importancia da Declaración sobre a Eliminación da Violencia contra a Muller (1993) e deixou claro que dende as institucións se debe enviar a mensaxe de que “cremos nas mulleres e de que as imos protexer, a elas e as súas crianzas” e recalcou que “as voces das superviventes deben estar presentes e ser escoitadas, non só o 25 de novembro, non só o 8 de marzo, senón todos os días do ano”. 

Trátase dun “desafío” que só poderá ser cumprido se as mulleres son “parte das decisións, en pé de igualdade cos homes. As mulleres, na nosa diversidade, coas nosas diferencias, as mulleres en plural”. Así, sentenciou, “precisamos un cambio na política”, un novo modelo que, en palabras de Priscila Rematozo,  tamén debería chegar ao sector privado ás empresas e á economía onde “faltan moitas mulleres e sobran moitas fotos da vergoña, con numerosas cadeiras ocupadas todas elas por homes”. A politóloga quixo remarcar que “isto non é unha batalla de sexos” xa que “as sociedades avanzan cando comprenden que a igualdade é un valor fundamental que ten que defender toda a cidadanía demócrata, sen excepción”.

Rematozo falou tamén da invisibilización das mulleres en eidos como a ciencia en contraposición coa sobre representación noutros como son “a esfera dos coidados, do traballo reprodutivo, do traballo incansable que sostén a vida como a coñecemos”, traballos que definiu como “mal remunerados, cando son sequera remunerados, invisibles, desprestixiados e desprezados”. Así, para a politóloga, “a paridade ten que vir da man dunha revolución dos coidados, da corresponsabilidade como norma e non como honrosa excepción”. Na declaración, Rematozo non se esqueceu das mulleres en situación de prostitución “que habitan campos de concentración nas nosas vilas e cidades” e demandou unha “aposta valente, unha resposta contundente” ante esta situación xa que “é unha cuestión de dereitos humanos que temos que resolver o máis cedo posible. Xa chegamos tarde para moitas”.

Por último, puxo en valor a coeducación para a “educación en igualdade, para aprender dende a infancia a respectarnos mutuamente, educación afectivo sexual para ter claro o consentimento, o desexo, o auto coidado, educación non sexista para medrarmos libres de estereotipos de xénero” e a animou a todas e a todos a poñer as “gafas violetas”.

Galerias de imaxes

videos