A Deputación lanza a VII edición do programa “DepoEmprende” para fomentar o emprendemento na educación primaria e especial, na eso e na FP

Na iniciativa, para a que xa está aberto o prazo de inscrición ata o 30 de setembro, poderán participar ata 32 centros educativos da provincia

15/08/2022

A Deputación de Pontevedra lanza a sétima edición  do programa provincial DepoEmprende, que se desenvolverá ao longo do curso escolar 2022-2023. A iniciativa provincial segue a ter como obxectivo fundamental fomentar o emprendemento no marco do sistema educativo e impulsar que o alumnado sexa protagonista da súa propia aprendizaxe, así como favorecer o desenvolvemento de competencias asociadas á comunicación, á análise do entorno físico, á creación e á convivencia. Desde a súa posta en marcha no ano 2016, teñen participado en DepoEmprende un total de 132 centros educativos da provincia, cun case 3.500 estudantes.

O programa volverá a estar dividido en tres proxectos para diferentes etapas educativas. O primeiro, “DepoEmprende na Escola”, no que poderán participar un máximo de 12 centros, está dirixido ao alumnado de Educación Primaria (5.º ou 6.º curso) e de Educación Especial, que crearán e xestionarán unha cooperativa na que fabricarán produtos para a súa venda. Parte dos beneficios que obteñan con esta actividade, doaranse a accións sociais ou ás ONG que as socias e socios da cooperativa elixen por consenso.

 “DepoEmprende na ESO” está enfocado a mozos e mozas de 15 a 16 anos (4º da ESO) que crearán tamén cooperativas nas que distribuirán produtos adquiridos de empresas provedoras segundo criterios de sostibilidade e RSC. Finamente, o proxecto culminará coa venda dos produtos e tamén unha parte irá destinada a accións sociais ou ONG. Nesta modalidade, na que poderán participar un máximo de 10 centros da provincia, o alumnado é protagonista da súa propia aprendizaxe, poñendo en práctica capacidades de negociación, de toma de decisións, de comunicación e resolución de conflitos.

Por último, “DepoEmprende na FP” vai dirixido ao alumnado de Formación Profesional de Grao Medio ou Superior, que a través desta iniciativa desenvolverá proxectos empresariais nos que se potenciará a adquisición de competencias e aptitudes relacionadas co emprendemento. A Deputación ofrece un servizo de asesoramento que comprende apoio, mentorización, orientación e asesoramento directo ás e aos estudantes no proceso de desenvolvemento dos proxectos e iniciativas emprendedoras viables. Isto inclúe desde guiar o proceso de desenvolvemento da idea e do plan de negocio ata a planificación do plan de lanzamento. Tamén neste caso a iniciativa está aberta a un máximo de 10 centros.

Ao longo do programa, a Deputación dotará aos centros participantes de  recursos e ferramentas para posibilitar o desenvolvemento eficaz das accións relacionadas con cada un dos proxectos, para as cales se realiza un proceso permanente de seguimento e avaliación. A ferramenta principal é o Portal Educativo de DepoEmprende, unha plataforma que facilita e dinamiza a institución provincial a fin de potenciar a comunicación entre os centros participantes, favorecer o acceso aos recursos formativos e didácticos e asegurar a orientación, asesoramento e titoría de forma continua.

Trala publicación o pasado día 10 das bases no Boletín Oficial da Provincia (Boppo), os centros educativos da provincia xa poden solicitar a súa adhesión ao programa e terán de prazo ata o 30 de setembro. Na última edición 2021-2022, participaron no caso de  DepoEmprende na Escola un total de 393 alumnos e alumnas de  12 centros, que formaron 18 cooperativas. No caso de DepoEmprende na ESO foron 168 estudantes de 7 centros os que formaron 10 cooperativas, e en DepoEmprende na FP participaron 223 alumnos e alumnas de 9 centros.

Ligazóns de interese

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.