A Deputación destina 625.000 euros a 557 clubs de todas as comarcas da provincia que compiten en ámbito inferior ao estatal

As subvencións outorgáronse en réxime de concorrencia competitiva e chegarán a 55 concellos de todos os recunchos da provincia

25/08/2022

A Deputación de Pontevedra revalida a súa aposta e compromiso co deporte tras aprobar 625.000 euros en subvencións para clubs que compiten no ámbito inferior ao nacional. Os fondos chegarán a 557 clubs de 55 concellos da provincia nun ano en que o goberno provincial volve a incrementar os recursos para o deporte deste ámbito en 25.000 euros, sendo así a administración que, respecto aos recursos que dispón, máis apoia ao deporte na provincia de Pontevedra.

As subvencións para clubs de ámbito inferior ao estatal foron concedidas en réxime de concorrencia competitiva, para o que puntuaron de xeito especial as licencias femininas ou as de deporte adaptado, no marco do compromiso institucional coa Igualdade.  Os recursos chegarán a todo tipo de modalidades deportivas como bolos, baloncesto, tenis, atletismo, montañismo, bádminton ou fútbol gaélico.

Os fondos repartiranse por todos os recunchos da provincia. Así, para as comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes foron aprobados 48.631 euros para 56 clubs de 7 concellos; para a comarca do Salnés 128.325 euros para 84 clubs de 12 concellos e para a comarca de Pontevedra 83.939 euros para 70 clubs de 12 concellos.

Tamén se deu luz verde a recursos para a comarca do Morrazo con 22.376 euros para 15 clubs de 2 concellos; para a área de Vigo con 268.635 euros para 252 clubs de 10 concellos; para a comarca do Baixo Miño con 39.880 euros para 38 clubs de 5 concellos; e para as comarcas do Condado e da Paradanta: 32. 990 euros para 39 clubs de 7 concellos

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.