Noticias

A Deputación de Pontevedra e o Concello de Lalín abren novas vías de colaboración para o desenvolvemento de proxectos na vila

Nunha reunión no Pazo Provincial, a presidenta, Carmela Silva, e o alcalde, José Crespo, chegaron aos primeiros acordos para impulsar "iniciativas conxuntas"


19 setembro 2019
Reunión Deputación Concello de Lalín

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o alcalde de Lalín, José Crespo, pecharon onte os primeiros acordos para o desenvolvemento de novos proxectos na vila de Deza nos eidos do patrimonio, o emprendemento, a cultura, a investigación, os sectores produtivos, o turismo e as infraestruturas.

Nun encontro que se celebrou no Pazo Provincial, marcado polo entendemento e a cordialidade, Silva e Crespo coincidiron en subliñar "a vontade política dos gobernos provincial e municipal para chegar a consensos de cara a impulsar novas iniciativas que se traducirán en avances nos próximos meses". Tanto a presidenta como o alcalde puxeron en valor a capacidade propositiva "para acordar proxectos que redunden na mellora da vida das persoas".

De feito, Carmela Silva, que estivo acompañada na reunión pola deputada e os deputados de Cooperación, Infraestruturas e Turismo, ademais do deputado delegado para Mouriscade, acordou con Crespo o desenvolvemento dun novo plan para potenciar o viveiro de empresas coa posta en marcha de iniciativas conxuntas, ademais de avanzar nas sinerxías co sector da capital dezá.

A presidenta provincial tamén confirmou a disposición do goberno da Deputación para traspasarlle ao Concello a xestión do centro CastroDeza cando o próximo ano remate a actual concesión. En canto ao Pazo de Liñares, Carmela Silva e José Crespo acordaron un calendario para avanzar en iniciativas conxuntas e así potenciar as estruturas xa existentes, tanto no apartado de investigación do laboratorio do Centro Provincial de Xestión do Coñecemento Arqueolóxico coma no espazo museístico do Pazo.

A Finca Mouriscade foi outro dos temas nos que Deputación e Concello pecharon filas. As dúas institucións acordaron un calendario para mellorar a súa capacidade e rendemento, ademais de concertar reunións co sector gandeiro de Deza para, de maneira conxunta, esixirlle á Xunta de Galicia que lles faga fronte ás dificultades que teñen en temas como os xurros ou as vacas de leite. Todo isto, lembrou Carmela Silva, sen renunciar á petición que a Deputación lle leva facendo á Xunta desde hai catro anos para que asuma a transferencia dun centro cuxas funcións son unicamente competencia autonómica.

A presidenta provincial e o alcalde de Lalín tamén chegaron a un acordo sobre a estrada provincial EP-6005, que une Prado con Bodaño, para poñer en marcha algunhas melloras na seguridade viaria e peonil. De feito, nas próximas semanas o persoal técnico da Deputación e do Concello de Lalín manterán unha reunión para definir as necesidades dunha actuación nun primeiro tramo mentres non se acorde entre as dúas institucións un proxecto máis ambicioso e completo para a estrada.