A Deputación e a Universidade de Vigo asinan un novo protocolo de colaboración para promover proxectos de desenvolvemento social e económico na provincia

Carmela Silva: “A nosa estreita relación coa Universidade foi das cousas máis intelixentes que fixemos na Deputación, entender que hai que abrir as portas e ventás para que entre o coñecemento e situar a esta provincia como un eixo de desenvolvemento”

16/11/2022

Protocolo UVigo

Co obxectivo de impulsar novas iniciativas, actividades e proxectos conxuntos que sigan a contribuír ao desenvolvemento social e económico da provincia a presidenta da Deputación Carmela Silva e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, xunto ás vicerreitoras dos campus de Pontevedra e Vigo, Eva Lantarón e Natalia Caparrini, veñen de asinar un novo protocolo de colaboración para regular as relacións entre ambas institucións. Trátase dun acordo marco a través do cal se artellarán diferentes iniciativas centradas na igualdade, na mobilidade do alumnado, en impulsar grupos de investigación, na colaboración en proxectos culturais ou relacionados co medio ambiente, na organización de actividades académicas, na captación de fondos europeos ou na promoción dos campus de especialización.

Trátase dun protocolo moi ambicioso –asegurou Carmela Silva- que toca todos os campos de traballo e coñecemento e nos vai permitir seguir tendo esta extraordinaria relación que temos coa Universidade de Vigo”.  A presidenta remarcou que “foi das cousas máis intelixentes que fixemos na Deputación, entender que hai que abrir as portas e ventás para que entre o coñecemento pero tamén para que a universidade se achegue á cidadanía, ao territorio, sexa unha institución aberta, pegada á realidade na que se desenvolve a súa actividade investigadora, formativa, de captación de recursos, para situar a esta provincia como un eixo de desenvolvemento”. 

Pola súa banda o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, destacou que este novo protocolo “pon negro sobre branco moitas cuestións que xa viñamos apuntando. Vainos permitir ir máis lonxe e traballar máis arreo, cara afora estando presentes e fomentando, por exemplo, mecanismos para que as mulleres nos se queden atrás nas STEAM, e cara dentro, impulsando un traballo interno mellor, unha formación máis completa dende o punto de vista de ter coñecemento e transferilo”. Asegurou que “a nosa aspiración e impulsar unha sociedade pegada á sociedade, que forme parte do futuro dunha sociedade mellor, feliz, na que se poida desenvolver unha vida máis plena, cuxos valores sexan a igualdade e a xustiza”. Tamén se pronunciaron as vicerreitoras dos campus de Pontevedra e Vigo, Eva Lantarón e Natalia Caparrini, que remarcaron a colaboración “participativa e intensa” entre ambas institucións, “o facil que foi a negociación coa Deputación”, e enxalzaron a “multitude de actividades que se van impulsar e repercutir no ben da sociedade”.

O novo protocolo terá vixencia de catro anos, con posibilidade de prórroga, e materializarase a través de sucesivos convenios.  Contempla, tal e como detallou a presidenta Carmela Silva, o impulso da especialización dos campus da Universidade de Vigo na provincia, concretamente o Campus CREA en Pontevedra e o Vigo Tecnolóxico en Vigo, e a colaboración na captación e xestión de fondos europeos así como na información e capacitación do persoal técnico das entidades locais para unha xestión eficaz e eficiente aliñada cos obxectivos da Axenda 2030. Tamén a colaboración na organización e realización de actividades académicas que favorezan a formación continua do persoal da institución provincial e dos concellos e en iniciativas que fomenten proxectos de investigación en materias relativas ao equilibrio territorial, protección e defensa do medio ambiente, promoción e mellora da saúde,  desenvolvemento e  innovación turística, protección do patrimonio histórico-artístico, así como calquera outra que contribúa ao desenvolvemento económico, social, tecnolóxico e cultural da provincia.

Ademais, no marco do protocolo, impulsarán iniciativas para fomentar o emprego e emprendemento xuvenil na provincia, a captación do alumnado con mellor traxectoria académica, para que continúe a súa formación na Universidade de Vigo e a mobilidade internacional de estudantes e profesorado. Continuaranse realizando accións conxuntas para a divulgación, visibilización e fomento das vocacións femininas nas carreiras STEAM e impulsando a a promoción da igualdade en todos os ámbitos da sociedade, así como a loita contra as violencias machistas.

Previsión de convenios para 2023

Xa de cara ao vindeiro ano 2023 está previsto, tal e como adiantou Carmela Silva, asinar convenios no marco do novo protocolo por valor de 350.000  euros. Así, entre outras iniciativas a presidenta detallou a Cátedra de Feminismos 4.0, a colaboración coa feira “A ciencia que vén ten nome de muller” ou o proxecto “Inspira STEAM”, ademais das bolsas do Eramus+ e iniciativas de  formación para a posta en marcha de plans de igualdade no ámbito laboral e nos concellos. Tamén explicou que no 2023 se lanzarán convocatorias para grupos de investigación dos campus de Pontevedra e Vigo, así como as relativas á captación e xestión dos fondos europeos e a Axenda 2030 e á especialización dos campus CREA, Vigo Tecnolóxico e Campus do Mar.

Galerias de imaxes

videos