Noticias

Deputación e Círculo de Empresarios de Galicia acordan unha folla de ruta para cooperar no desenvolvemento da provincia

Carmela Silva e Patricia García establecen unha axenda de traballo que se iniciará en outubro para marcar as pautas de cooperación


29 xullo 2019
Presidenta Círculo de empresarios de Galicia

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, recibiu hoxe na sede provincial en Vigo á presidenta do Círculo de Empresarios de Galicia, Patricia García, recepción que se enmarca no compromiso da presidenta de manter encontros de traballo cos axentes económicos e sociais da provincia no inicio deste novo mandato.

Carmela Silva confirmou que Deputación e Círculo de Empresarios fixarán unha axenda de traballo para acordar accións conxuntas de cara ao desenvolvemento e promoción da actividade económica e do emprego en Vigo e na provincia de Pontevedra. De feito, no próximo mes de outubro, a sede da Deputación en Vigo da rúa Oporto acollerá unha reunión, que se repetirá en xaneiro en Pontevedra, para delimitar os instrumentos que leven á colaboración entre ambas as dúas entidades.

A economía, o emprego, a igualdade coa necesidade de fomentar que as empresas poñan en marcha plans propios de igualdade, e a sustentabilidade formarán parte da axenda da cita de outubro, aínda que a presidenta provincial tamén subliñou "o traballo que podamos facer xuntas e xuntos na economía no rural co obxectivo de fixar e manter poboación nos concellos máis rurais da provincia ao través de proxectos concretos". Ao debate da reunión tamén incorporarase a análise dos novos fondos europeos 2021-2027 "que van a permitir compartir accións de financiación e proxectos que revertan na provincia de Pontevedra", dixo Silva.