Noticias

Deputación e Concello de Cerdedo-Cotobade asinan o convenio para mellorar o espazo público e a mobilidade no núcleo da Chan

O investimento será de máis de 607.000 euros e permitirá crear unha nova praza, acondicionar a contorna da capela de san Roque, e crear un estacionamento disuasorio


09 agosto 2018
Firma de convenio con Cerdedo-Cotobade

A Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Mobilidade, e o Concello de Cerdedo-Cotobade formalizaron hoxe coa sinatura dun convenio o acordo para levar adiante as obras de mellora do espazo público e a mobilidade peonil no núcleo da Chan e na contorna da capela de san Roque, así como para a construción dun novo aparcadoiro disuasorio. No acto, no que estiveron a presidenta Carmela Silva, o deputado Uxío Benítez, o alcalde Jorge Cubela e a concelleira Raquel Puente, confirmouse que o investimento no proxecto será de máis de 607.000 euros, sumando o custe dos terreos adquiridos para o estacionamento e os 519.326 euros da propia obra.

Segundo explicou o deputado Benítez, a actuación na estrada provincial EP-0401 Carballedo-Caroi foi estudiada desde hai tempo polo persoal técnico provincial e do Concello co fin de atopar a mellor solución para o núcleo da Chan. "A tipoloxía urbana desta estrada fíxonos reflexionar e finalmente este proxecto ten uns valores patrimoniais moi importantes. Nós viñemos ao Goberno para cambiar o xeito de actuar nas estradas, facendo que as estradas se adapten ao territorio e non ao revés, e este vai ser un exemplo de actuación que se vai acomodar á contorna patrimonial. Vai ser unha actuación con moito respecto e poñer en valor a zona", subliñou o nacionalista.

O deputado destacou que a actuación abrangue tres áreas diferenciadas. A primeira é a contorna da capela de san Roque, onde se vai crear un área de uso exclusivo peonil de grande calidade así como instalar elementos de calmado de tráfico. Por outra banda está a creación dunha nova praza no núcleo da Chan, onde se creará unha grande plataforma ao mesmo nivel con criterios de accesibilidade e seguranza viaria. Por último, habilitarase unha zona de estacionamento para dar servizo ás persoas usuarias dos equipamentos próximos (a casa consistorial, o banco ou o centro médico, entre outros), o que permitirá retirar o aparcamento de vehículos do propio núcleo. "A praza da Chan é unha praza rural galega apenas alterada e imos estar orgullosas e orgullosos do resultado final da obra, xa que tivemos a sensibilidade de respectar os valores intrínsecos: os vehículos terán que pasar devagar e daranse conta do espazo patrimonial no que están", apuntou Benítez.

Segundo se reflectiu no convenio, o financiamento da obra chegará nun 70 % pola Deputación en un 30 % polo Concello, e haberá unha posterior transferencia á Administración municipal. As obras contrataranse de xeito inminente e o prazo de execución unha vez adxudicado o proxecto será de seis meses.

Recuperar a provincia para as persoas

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, mostrouse hoxe moi satisfeita tras a sinatura do convenio, xa que "é unha mostra máis da aposta deste Goberno por cambiar o noso territorio, por cambiar a súa fisionomía e por recuperar unha provincia de Pontevedra na que as persoas sexan o centro das nosas actuacións". Salientou a importancia desta obra, que reflicte un modelo de actuación no territorio, "onde as infraestruturas se adaptan ao entorno, e aínda é máis, melloran esa contorna". No caso de Cerdedo-Cotobade ademais, a presidenta indicou que esta actuación, ademais de valer para adecuar un espazo para o seu uso público, terá tamén capacidade de atracción a visitantes, xa que a contorna da capela de san Roque "ten unha beleza e un encanto especial".

En contraposición a esta maneira de traballar, Carmela Silva lembrou que nesta provincia, durante moito tempo, se fixeron obras e infraestruturas que non tiñan en conta onde se actuaba, "pero iso agora está cambiando porque hai unha demanda social de recuperación do espazo público, de que o espazo público volva ser das persoas e non dos automóbiles. Este convenio de hoxe é un claro exemplo de como debemos actuar en materia de mobilidade".

Silva destacou ademais a necesidade de traballar man a man cos concellos, respectando sempre a autonomía local, "cando fai tres anos chegamos á Deputación reunímonos coas alcaldesas e alcaldes para ver que actuacións prioritarias querían facer en materia de infraestruturas provinciais da nosa competencia. Pois esta é a maneira de traballar, leva máis tempo, pero debe facerse así, e por iso agora estamos sacando adiante moitas actuacións como esta de hoxe, sempre baixo os principios de accesibilidade universal, seguridade viaria, mobilidade e recuperación do espazo público".

"Un antes e un despois"

Pola súa banda, o presidente de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, salientou que a actuación da Deputación no núcleo da Chan vai supoñer "un antes e un despois" para a zona. Destacou que o deseño proposto polo Servizo de Mobilidade é sensible coas características tradicionais das construcións na zona e supón a terceira fase da reforma que impulsou o Concello. "Esta é a terceira fase da reforma deste lugar. Primeiro foi a reforma da praza do Concello e despois foi a humanización da estrada autonómica".

Segundo asegurou Cubela, o convenio demostra que entre institucións é posible chegar a acordos e tamén á capacidade de xestión municipal. Subliñou que o Concello foi quen de conseguir acordo coa veciñanza para dispoñer dos terreos para o estacionamento e agradeceu a colaboración mostrada tanto polos propietarios como pola Deputación.

Fotos