Noticias

Deputación de Pontevedra e Concello de Vigo abren as novas instalacións deportivas, baixo a grada de río de Balaídos, "sostibles e adaptadas ao século XXI"

Carmela Silva: "Vigo merécese que as administracións públicas invistan na cidade máis grande de Galicia, motor da economía, do deporte, da cultura e da sustentabilidade"


14 setembro 2020
grada Río Balaídos

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, deron esta mañá por inauguradas as novas instalacións deportivas baixo a grada de río en Balaídos, sostibles e adaptadas ao século XXI nas que ambas institucións investiron un millón e medio de euros. Tanto a presidenta como o alcalde, que amosaron a súa satisfacción pola transformación dos pavillóns e pistas para adaptarse ás demandas da sociedade, destacaron a aposta conxunta de ambas institucións para poñer en marcha infraestruturas na cidade no marco dunha relación "de lealdade", que se materializa en "obras que se poden ver e desfrutar".

"Cada vez –asegurou Carmela Silva– son máis as persoas que demandan equipamentos para facer deporte, que teñen que ser dignos e adaptados ás necesidades deste século. Estes espazos deportivos que hoxe inauguramos son unha mostra de por onde teñen que ir as cousas". Neste eido, Silva fixo fincapé no feito de que as novas instalacións baixo a grada de río seguen as liñas de transición ecolóxica, apostando pola eficiencia enerxética con luces led e iluminación natural, así como con espazos amplos adaptados ás demandas da sociedade para a práctica da actividade deportiva. A Deputación de Pontevedra achegou 675.000 € a esta actuación porque "Vigo merécese que as administracións públicas invistan na cidade máis grande de Galicia, motor da economía, do deporte, da cultura e de todo o que ten que ver coa sustentabilidade". Silva, que destacou o papel da Deputación na transformación de Vigo, enmarcou a colaboración co concello no marco da "lealdade institucional, de relacións nas que o que goberna é quen decide o modelo de cidade e no que se inviste". A presidenta da Deputación amosouse "orgullosa" porque "os feitos valen moito, as cartas pouco, importan as accións e aquí vese que a Deputación esta a investir en Vigo".

Tamén mostrou a súa satisfacción o alcalde, Abel Caballero, quen fixo fincapé na transformación dos espazos deportivos en Balaídos, recordando as filtracións de auga que había hai uns anos, a escasa iluminación ou o cemento nas pistas, "insoportable para facer deporte". "Herdamos un Vigo con instalacións deportivas lamentables –asegurou o alcalde– e este é o avance. Hai dous anos estaríamos nun pavillón que ben podería ser de fai medio século, en condicións terribles para facer deporte e hoxe temos un moderno espazo, xa en plena operatividade". Neste eido, o alcalde destacou que a actuación foi financiada "integramente pola Deputación e o Concello. Ninguén colaborou, nin o club nin a Xunta" e anunciou que "imos seguir con obras conxuntas, conseguindo instalacións deportivas equiparables ás mellores cidades de Europa".

As novas instalacións deportivas baixo a grada de río, cunha superficie de preto de 5.000 metros cadrados para a práctica deportiva, enmárcanse no convenio asinado entre a Deputación de Pontevedra e o Concello de Vigo a través do cal se están a investir 9,2 millóns de €, 5,5 aportados pola institución provincial e 3,7 polo concello, para renovar e crear instalacións deportivas na cidade. Así, xunto á grada de río, tamén se inclúen neste convenio outros pavillóns como os de Quirós e Romil, e melloras en instalacións dunha decena de campos de fútbol.