Noticias

Deputación e Concello de Vigo impulsan a humanización de Taboada Leal e continúan da man avanzando na transformación da cidade

Carmela Silva: "Hoxe é outro día de felicidade. Nuns meses esta rúa será outro lugar baseado nos principios da mobilidade sostible, amable e segura, na que Vigo é xa unha gran referencia"


12 maio 2021
Obras rúa Taboada Leal

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, acaban de poñer a primeira pedra do proxecto de humanización da rúa Taboada Leal, desde o cruzamento coa rúa Ronda don Bosco ata a súa intersección coa rúa Venezuela. A actuación, cun orzamento de preto de 600.000 € dos cales a Deputación achega 280.000 € e o Concello de Vigo 314.000 €, estenderase nun tramo de 115 metros que renovará por completo a zona, apostando pola mobilidade sostible e a accesibilidade universal. "Hoxe é outro día de felicidade –asegurou a presidenta provincial–. Nuns meses esta rúa será outra, outro lugar baseado nos principios da mobilidade sostible, amable, na que Vigo é xa unha gran referencia". Pola súa banda o alcalde destacou que "na humanización desta rúa queremos amosar unha cidade verde, habitable, para pasear, para a rapazada e as persoas maiores. Unha cidade para toda a cidadanía".

"Este Vigo que se constrúe desde fai 14 anos é un Vigo para as persoas e iso é o mellor que se pode dicir da acción política" enxalzou a presidenta da Deputación. Carmela Silva recordou que "esta primeira pedra vense sumar ás múltiples obras que temos feito nesta cidade co alcalde, Abel Caballero, que realmente foi quen de facer unha transformación de Vigo que nin nos mellores soños se podía imaxinar". Tamén amosou a presidenta o seu orgullo por participar co Goberno local no cofinanciamento de actuacións "transcendentais" na cidade que se "escribirán na historia. Non me estraña que a OCU teña dito que somos a cidade de toda España con maior calidade de vida".

Pola súa banda o alcalde de Vigo, Abel Caballero, destacou que a humanización, "posible grazas ao traballo de tanta xente da cidade", trátase dun "proxecto excepcional que vai converter á rúa noutro espazo". O alcalde adiantou que a esta parte da rúa seguirá a segunda fase, desde Venezuela, e que "a humanización, máis o Plan de Ordenación Municipal e a visión xeral que temos da cidade permitirá seguir progresando nesta contorna". Caballero tamén aproveitou a ocasión para agradecer a contribución e "apoio permanente" da Deputación de Pontevedra á cidade, "algo que non acontecía fai sete anos", e para reiterar que Vigo non soamente é a mellor cidade de España senón que o é do mundo "porque nese espazo estamos e ese lugar ocupamos".

A actuación en Taboada Leal permitirá humanizar 115 metros dunha das principais vías de acceso ao casco urbano, que soporta a diario un elevado índice de tráfico e tránsito peonil. A través desta reforma, que ten previsto un prazo de execución de sete meses, mellorarase a seguridade viaria e acadarase a accesibilidade universal, así como rehabilitarase totalmente os servizos urbanos existentes co fin de favorecer e facilitar o tránsito e estancia das/dos peóns e vehículos non contaminantes fronte ao tráfico rodado. Tamén se renovará a totalidade do firme, a calzada e as beirarrúas; plantarase e manterase arborado; substituiranse as luminarias existentes por outra máis eficientes; instalarase novo mobiliario urbano e incorporarase nova sinalización.

Fotos