Dezasete cooperativas da provincia recibirán achegas da Deputación para modernizar os seus equipamentos e instalacións

A Xunta de Goberno aprobará este venres as subvencións, que acadan un orzamento total de 234.142 euros e beneficiarán a cooperativas radicadas en 11 concellos

11/08/2022

No marco da súa aposta polo impulso do sector primario, a Xunta de Goberno da Deputación referendará mañá venres a concesión das subvencións dirixidas ás cooperativas agrogandeiras da provincia, cun investimento total de 234.142 euros. Son achegas que beneficiarán a un total de 17 cooperativas de 11 municipios e que lles permitirán modernizar equipamentos e as súas instalacións.

En concreto, as achegas, cuxo importe vai desde os 899 e os 31.500 euros, irán a parara a cooperativas dos municipios de Barro (1); Cambados (1); Forcarei (1); Lalín (7); Meaño (1); Portas (1); Redondela (1); Ribadumia (1); Rodeiro (1) e O Rosal (2).

O maior número de entidades concéntrase na comarcas do Deza e Tabeirós-Terra de Montes, onde recibirán achegas sete cooperativas de Lalín: Cobideza Sociedade Cooperativa, que percibirá unha achega de 30.654€ coa que poderá realizar investimentos na súa tenda social e na nave de garda da maquinaria; Aprodeza (5.873€), para a adquisición de ferramentas para a reparación do parque de maquinaria; Campodeza (15.771€) para compra de maquinaria agroforestal; Cooperativa Gandeira de Botos (7.062€), que financiará a adquisición de diversa maquinaria agroforestal; Sociedade Cooperativa Gandeiros do Deza (31.500€), que comprará un remolque esparcidor; Val do Deza (6.999€), que poderá adquirir diversa maquinaria agrícola e un surtidor e Xuncoga (19.460€), que realizará traballos de mellora nas súas instalacións e mercará dous elevadores. Amais, tamén recibirá unha achega de 11.303€ a Cooperativa Agrícola de Forcarei, que a empregará para a compra dunha furgoneta, un apañadoiro de patacas e a instalación dun sistema informático; así como a Cooperativa O Rodo de Rodeiro, que terá unha axuda de 25.422 € para adquirir unha segadora, varios programas, un ecógrafo e a realización dun proxecto técnico.

As entidades beneficiarias na comarca de Pontevedra son Viña Moraima (899€), no municipio de Barro, que empregará esta achega para adquisición de equipamento e Viña Almirante Sociedade Cooperativa (5.460€) de Portas, para a compra de mobiliario, caixas de vendima e a posta en marcha dunha website.

Na comarca do Salnés recibirán estas axudas as cooperativas SAT N 4035 (15.543€), situada en Ribadumia, que a utilizará para a adquisición dun equipo de frío para a adega; así como a Cooperativa Vitivinícola Arousana S. Cooperativa Galega (21.878€) de Meaño, que poderá comprar un tractor agrícola, e Horsal (20.350€) en Cambados, que usará esta achega para a adquisición dunha enmalladora automática.

Na comarca de Vigo , a empresa Espaço Vivo, situada en Redondela, recibirá unha achega de 3.612€ para financiar melloras nas súas instalacións, equipos informáticos e de eficiencia enerxética, mentres queno Baixo Miño recibirán axudas dúas cooperativas do Rosal: O Alcouve da Moura, que recibirá 4.818 € para mercar unha furgoneta e materiais para cubrir invernadoiros, e Porta Río Miño, que contará con 7.534 € para a adecuación da sala de lavado de caixas e a adquisición dun compresor e taquillas.

Para a concesión destas subvencións, convocadas en concorrencia competitiva, puntuáronse, entre outras cuestións, os investimentos en proxectos innovadores ou a porcentaxe de mulleres que integran os órganos reitores das entidades solicitantes.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.