Noticias

O programa Sendeiros Rías Baixas bota a andar este domingo 17 de maio en Vilagarcía de Arousa

Covelo, Meis, Ponte Caldelas e Silleda completan as rutas organizadas na segunda edición do programa, que espera superar os 1.000 participantes do ano pasado


12 mai 2015
Comeza o programa Sendeiros Rías Baixas
Comeza o programa Sendeiros Rías Baixas

A deputada Begoña Estévez e o organizador das andainas, Juan Romero, presentaron esta mañá o calendario das rutas que se van percorrer na segunda edición de Sendeiros Rías Baixas

Dirixido a todas as persoas maiores de 7 anos, o programa busca fomentar hábitos de vida saudable entre aqueles colectivos sociais menos familiarizados coa práctica do deporte ó aire libre.  Permite, así mesmo, coñecer de preto os atractivos e recursos naturais e etnográficos dos que dispoñemos.

Despois da boa acollida da primeira edición, os organizadores esperan superar a cifra dos 1.000 participantes do pasado ano.

Cinco rutas de maio a outubro

O programa bota a andar este domingo 17 de maio no concello de Vilagarcía de Arousa e rematará o 7 de outubro cunha ruta polo concello de Silleda. En total realizaranse cinco camiñadas que, entre maio e outubro, tamén van percorrer os concellos de Covelo, Meis e Ponte Caldelas.

Calendario dos sendeiros (pdf)

17 de maio: O Piñeiro-miradoiro de Lobeira

O concello de Vilagarcía de Arousa será o punto de partida desta segunda edición do programa Sendeiros Rías Baixas.

Cun trazado de 6 quilómetros e de dificultade media, o percorrido comezará o domingo 17 de maio, ás 10:00 h, no campo de fútbol de San Martiño de Sobrán e levará os camiñantes polo Piñeiro, o miradoiro de Lobeira e Vilagarcía de Arousa. 

Organizaranse varios grupos de persoas para completar o sendeiro; cada un deles irá acompañado por un guía. Ademais, ó longo do percorrido haberá varios puntos de encontro nos que se reagrupará a todos os camiñantes e onde se lles facilitará comida e bebida para repoñer forzas. 

Todas aquelas persoas que desexen participar en calquera destas citas, totalmente gratuítas, poden anotarse no Concello polo que transcorre cada un dos sendeiros, a través da web da Deputación de Pontevedra (http://www.depo.es/sendeiros-rias-baixas) ou chamando ó teléfono 986 090 898.