Noticias

Elevada participación no Concurso Internacional da Camelia a pesares do temporal ‘Laura'

Máis de 40 persoas inscritas participarán no concurso que esta fin de semana terá lugar no Recinto Feiral da cidade


07 marzo 2019
Composición gañadora do concurso do ano 2016

Os fortes ventos, que superaron incluso os 100 quilómetros por hora nalgúns puntos do país, e as abundantes precipitacións, con ata 41 litros por metro cadrado en Vigo, que o temporal ‘Laura' deixou na provincia a tarde do martes e durante toda a xornada do mércores, non impedirán que as mellores camelias da provincia e do país estean presentes esta fin de semana no Recinto Feiral de Pontevedra. No prazo establecido foron 42 as persoas produtoras de camelia que se inscribiron para participar e expoñer no LV Concurso Exposición Internacional da Camelia.

"O principal problema na deterioración da flor foron as elevadas temperaturas nos últimos días do mes de febreiro e a isto houbo que engadirlle que os ventos e a choiva do temporal ‘Laura', contribuíron a prexudicar as flores abertas" explica a xefa de Servido da EFA, Carmen Salinero. De cara ao sábado pola mañá, Salinero considera, pola súa experiencia, que "a floración de hoxe e de mañá será suficiente para encher a exposición de flores e de cor". Pola súa banda, a deputada delegada da EFA, Eva Vilaverde asegura que "volveremos a ter a oportunidade de reunir as mellores camelias da provincia, e tamén de fóra, nunha cita que a estas alturas xa está totalmente consolidada máis aló de condicións atmosféricas adversas e de contratempos puntuais".

As 42 persoas participantes accederán ao Recinto Feiral a partires das 9h da mañá para proceder a colocar as flores e composicións florais nos espazos reservados para cada unha, labor que deberán ter rematado ás 13h. A partires desa hora e ata as 17:30h, as persoas que compoñen o xurado pasarán revista á flor que concorre a concurso e procederán ás deliberacións oportunas para outorgar os premios nas diferentes categorías establecidas nas bases.

Xurado e programa

Nesta edición o xurado está composto polo técnico de Parques e Xardíns do Concello de Vigo, Gilberto Moldes Crespo, polo técnico do Concello de Vilagarcía de Arousa, Luis Mario Vázquez, pola técnico en Saúde Ambiental da EFA, Ángeles Barros, polo artista plástico Antón Sobral Iglesias en calidade de técnico especialista en deseño artístico, polo membro da Sociedad Española da Camelia, Javier Botas Piñón, pola viveirista María Soledad Rodriguez Ozores - socia de Viveiros Río Tollo-, e pola gañadora da Camelia de Ouro da LIV edición do Concurso: Begoña Franco.

A apertura da exposición ao público terá lugar ás 18h do sábado 9 de marzo, nun acto de benvida que contará coa presenza da presidenta da Deputación, Carmela Silva, do alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, e da deputada delegada da EFA, Eva Vilaverde. Tras a visita e percorrido pola zona da exposición para coñecer as camelias que concorreron a concurso nesta edición, terá lugar o showcooking "A cociña entre fogóns", a cargo do cociñeiro do Grupo Nove, Iñaki Bretal. Será as 19:30h e espérase repetir o éxito de público que esta actividade espertara xa na anterior edición organizada pola Deputación, no ano 2016.

O domingo abrirase o recinto ás 10h e ás 11h está prevista a primeira das charlas técnicas ‘Patoloxías e afeccións sanitarias máis habituais na camelia, método de control'. Será impartida polo doutor enxeñeiro, Pedro Mansilla, e está orientada a todo tipo de público interesado no cultivo de camelias, desde as propias persoas participantes no concurso ata profesionais do viveirismo. Ás 12h dará comezo a entrega dos premios do concurso deste ano, un dos momentos máis esperados de cada edición, que estará encabezada pola presidenta da Deputación e pola deputada delegada da EFA. Xa pola tarde, ás 17h dará comezo a charla ‘O cultivo da camelia como especie restauradora en zonas forestais', a cargo de Carmen Salinero, e dirixida a propietarios de montes tanto particulares como en man común, e ás 18:30 presentarase o libro "Xardíns históricos na provincia de Pontevedra" editado pola Deputación, e con intervencións da deputada delegada da EFA, Eva Vilaverde, e de dúas das persoas participantes no volume, a técnico en Saúde Ambiental da EFA, Ángeles Barros, e o enxeñeiro forestal e do Medio Natural, Gaspar Bernárdez.