Emotivo recoñecemento a “toda unha xeración de mulleres do mar” na entrega dos II Premios “Mulleres Salgadas”

Pepita Abelleira, Carmen Domínguez e Rita Vázquez dedicaron o galardón “a todas as nosas compañeiras que loitaron e traballaron con moita paixón nunha profesión durísima pero marabillosa”

26/03/2022

Un premio máis que merecido e máis que compartido. “É un premio para todas as compañeiras”. Con esta dedicatoria, que as tres fixeron súa, Carmen Domínguez, Rita Vázquez e Pepita Abelleira, tres mulleres de Arousa que dedicaron a súa vida ao mar desde o marisqueo, as bateas e a conserva, encarnaron este venres o merecido recoñecemento ás mulleres do sector na sentida homenaxe que recibiron na sede da Deputación en Vigo. Foi no acto de entrega dos II Premios Mulleres Salgadas da Asociación que leva  seu nome, única en Galicia, que defende os intereses das mulleres que traballan no ámbito da pesca. Coa asistencia da presidenta provincial, Carmela Silva, e da directiva de “Mulleres Salgadas”, xunto a deputadas nacionais, autonómicas e provinciais e representacións de organizacións como Amupesca, Amegrove, Fundamar, Opmega ou da Cooperativa do Porto de Vigo, Pepita, Carmen e Rita, do Grove e Noalla, as tres xa xubiladas, representaron a toda unha xeración de traballadoras que dedicaron a súa vida ao mar que, como di “Mulleres Salgadas”, “é feminino”. O evento, que foi conducido pola xornalista Ana Fuentes, contou coa actuación  de Bouba Pandereteiras, que reintepretan a música recollendo a tradición oral das mulleres.

Na Sala Rosalía, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, agradeceu como anfitrioa a “Mulleres Salgadas”, “unha asociación imprescindible”, que escollera a sede provincial para facer este recoñecemento. “O seu obxectivo debería ser o de toda a sociedade, dixo, conseguir que as mulleres do mar teñan os dereitos que lles corresponden”. Por iso, agradeceu “a súa valentía, o traballo diario e as súas reivindicacións por encher a provincia e Galicia de loita por unha causa xusta”. A presidenta provincial lembrou que Galicia ten nome de muller “porque as mulleres foron sempre quen de manter a economía, especialmente no mar, sempre creando riqueza polo que temos que recoñecelas”. Expresou a súa admiración polas tres homenaxeadas. “Van recibir aquilo que merecen, e con elas todas as mulleres do mar. A nosa historia, engadiu, non se entende sen as mulleres do mar, rexas e fortes. A elas  grazas por todo e por tanto”, rematou.

Acompañadas das súas familias e moi emocionadas, Pepita, Carmen e Rita encandilaron ao público coas anécdotas dunha “vida moi dura pero con moitas alegrías” e coincidiron en mostrar a súa paixón por un traballo que lles fixo libres e independentes “Nunca dependín dun home”, dixo Pepita Abelleira, que narrou as súas vivencias nas fábricas de conservas nas que traballou en xornadas interminables e mostrou as “enormes diferencias dunha xuventude que agora teno case todo fronte as carencias que elas padeceron. “Pero, engadiu, cantábamos sempre aínda que non tiñamos nada”.

O marisqueo foi a vida de Carmen Domínguez, cando desde os 10 anos recollía caramuxos. Liberdade e compañeirismo foron as palabras máis repetidas na súa intervención. “cando te sentes libre estás orgullosa”, dixo, e lembrou que “moito desfrutei aínda que a vida era durísima, pero tamén cantábamos”. Recordou o pouco que sabía ao principio pero “a praia ensina, aprendes dela, sentes tal felicidade que cando te xubilas non queres marchar”.

Finalmente, Rita Vázquez tamén lembrou como chegou ás bateas, ao mundo do mexillón, e como se traballaba daquela. “Agora teñen máquinas para todo pero nos gustaba traballar”. Recordou a valentía e o esforzo das mulleres, “si tivéramos a forza dos homes, comíamos aos homes”, ironizou. Tamén dedicou o premio a todas as mulleres compañeiras. “Todo este premio é para elas”.

A vicepresidenta de “Mulleres Salgadas”, Celia Herbón, que agradeceu á Deputación o seu impulso e apoio, incidiu en que “este premio é un premio ás nosas avoas, ás nosas nais, a toda unha xeración que tivo que traballar arreo, en condicións impensables e que loitaron por todas elas a pesar de ter moitas veces todo en contra. Algunhas, de feito, marchaban ao mar aínda sen saber nadar”. A vicepresidenta, que insistiu en que desde a asociación seguirán traballando pola igualdade no mar e na loita pola defensa dos dereitos das mulleres, tamén recordou que "o sector primario é esencial e temos que ensinarlle á sociedade a riqueza do mar para conseguir o relevo xeracional”.

O galardón “Mulleres Salgadas” naceu para poñer en valor o esforzo xeneroso e descoñecido das mulleres do mar como homenaxe a estas mulleres anónimas, descoñecidas polo público, que dende a súa labor sacrificada, solidaria, positiva contribúen de xeito innegable ao desenvolvemento e progreso das profesións do mar.

Galerias de imaxes

videos

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.