Noticias

En 24 horas esgótanse as prazas para participar na Depo Andaina de Vilaboa e Cíes

Ante a avalancha de solicitudes, que superan nun centenar as 300 prazas de balde dispoñibles, a Deputación de Pontevedra pecha a inscrición da actividade


29 agosto 2017

En menos de 24 horas desde que onte se puxeran a disposición da cidadanía as 300 prazas de balde para participar na Depo Andaina de Vilaboa e Cíes, a institución provincial pecha a inscrición na actividade. Nun primeiro momento, estaba previsto que o prazo na Depo Andaina entre Vilaboa e Cíes permanecese aberto ata o 4 de setembro. Así e todo, ante a avalancha de solicitudes, que superan nun centenar as prazas dispoñibles, a institución provincial vese obrigada a pechar o prazo de inscrición e a abrir unha lista de agarda coas 100 últimas persoas solicitantes por si houbese baixas entre as 300 primeiras.

A Depo Andaina entre Vilaboa e as Illas Cíes, que terá lugar o vindeiro 10 de setembro, trátase da terceira organizada este ano pola Deputación de Pontevedra. A actividade comezará ás 9 horas con Vilaboa coma punto de partida. Desta maneira, a terceira parada destas Depo Andainas iniciarase cunha ruta polas Salinas do Ulló. Posteriormente, tras visitar o Miradoiro de Aves, un bus recollerá ás persoas participantes para levalos ao porto de Cangas, dende onde sairán cara ás Illas Cíes.

Xa na illa principal haberá un xantar nos merendeiros entre as praias de Rodas e Figueiras e despois  dun pequeno descanso comezará a subida ao Alto do Príncipe (Monte Agudo), unha das rutas máis simbólicas e que permite gozar das mellores panorámicas desde un Parque Nacional único en España. Ao remate, haberá a opción de seguir en ruta ata o Faro de Portas, na parte sur da illa pasando pola Lagoa dos Nenos, ou de quedar na marabillosa praia de Rodas.

Durante a actividade, que durará aproximadamente ata as 20 horas, impartirase un obradoiro ornitolóxico sobre as aves do ecosistema das Illas Atlánticas no que se incluirán técnicas para a observación e claves para a identificación de aves, tanto en voo como en terra. Ademais, as persoas participantes poderán recibir un obradoiro de introdución en técnicas de fotografía de aves en voo, medio mariño e terrestre.

Posteriormente a esta ruta das Illas Cíes desenvolveranse outras dúas andainas nos meses de setembro e outubro, a primeira en Tui, co Camiño de Santiago, e, en último lugar, en Soutomaior.

O programa Depo Andainas, que vive este ano a súa segunda edición tralo cheo absoluto do ano pasado, cando se esgotaron todas as prazas, ten por obxectivo impulsar hábitos saudables, promover o turismo deportivo e de territorio, as actividades ao aire libre e poñer en valor a riqueza ambiental, etnográfica, cultural e patrimonial da provincia de Pontevedra.