Noticias

En marcha un novo "Practicum Depo" 2018 para a mobilidade de estudantes de formación profesional

A institución provincial conta cun orzamento total de máis de 820.000 euros co que se porán en marcha 120 mobilidades de alumnado e profesorado


23 xuño 2018
Practicum Depo

O Goberno de Carmela Silva aprobou en Xunta de Goberno o "Practicum Depo" 2018, cun orzamento total de 821.633,40 euros, co que se van a poñer en marcha 105 mobilidades do alumnado e 15 de profesorado de centros educativos de formación profesional da provincia. Ademais, este ano tamén se farán catro visitas preparatorias.

Estas mobilidades, que teñen como prazo para levarse a cabo desde xuño de 2018 ata maio de 2020, poderanse realizar nos países de Reino Unido, Irlanda, Italia, Malta, Portugal, Alemaña, Romanía, Chipre, Bulgaria, Polonia, Eslovaquia, Grecia, Suecia, Eslovenia, Finlandia, Países Baixos, Noruega, Dinamarca, Islandia e Francia.

O proxecto, enmarcado na Acción Clave "Mobilidade das persoas por motivo de aprendizaxe" da convocatoria do programa Erasmus + 2018, conta coa axuda da dirección do Servizo Español a Internacionalización da Educación (SEPIE) e ten por obxectivo levar a cabo un programa de mobilidade de estudantes de Formación Profesional de ciclos medios co fin de colaborar na súa integración no mundo laboral, a través de prácticas laborais en empresas e institucións estranxeiras.

Este é o cuarto programa de "Practicum Depo" que se realiza na provincia de Pontevedra. Desde que se puxeron en marcha, a institución provincial leva investidos preto de 3,5 millóns de euros.