Case 17.000 persoas participarán na quinta edición de “En Ruta coa Depo”, que volve tras dous anos de parón con 32 rutas por toda a provincia

Todas as prazas están subvencionadas pola Deputación e delas 316 serán  financiadas ao 100% pola institución provincial para achegar o programa ás persoas con dificultades económicas ou en risco de exclusión social

04/06/2022

Carmela Silva

A Xunta de Goberno provincial vén de adxudicar as 314 asociacións sen ánimo de lucro que participarán na quinta edición de “En Ruta coa Depo”, que volve tras dous anos de parón pola pandemia para seguir creando “espazos sociais de unión e convivencia”. Así o anunciou a presidenta provincial, Carmela Silva, quen tamén comunicou que este ano serán 16.836 as persoas que desfruten deste programa provincial que permite coñecer os lugares máis emblemáticos da provincia a través de 32 rutas temáticas. Todas as prazas están subvencionadas pola Deputación e delas 316 serán  financiadas ao 100% pola institución provincial para achegar o programa ás persoas con dificultades económicas ou en risco de exclusión social.

Todas as rutas contan cun ou cunha guía de turismo e inclúen xantar e transporte. As marítimas foron as que tiveron máis demanda e entre elas destacan a ruta que permite visitar a Illa da Toxa, a ría de Arousa, o Museo da Salazón (O Grove) e o xacemento da Lanzada; a que achega ás persoas á Illa de San Simón, o Castelo de Soutomaior, Ponte Sampaio e o Museo Meirande de Redondela; e a que percorre as Illas Cíes e o barrio mariñeiro do Berbés en Vigo.

Este é un programa “de moito éxito” xa que, asegurou Carmela Silva, dende o ano 2016 teñen participado nel máis de 75.000 persoas. Con “En Ruta coa Depo” a institución provincial busca dar a coñecer a provincia, dotar ás asociacións de recursos para promover o envellecemento activo e promover os valores máis importantes de Pontevedra provincia para que a xente os coñeza, poida sentirse orgullosa deles, coide o medio ambiente e adquira novos valores de respecto ao entorno.

Ligazóns de interese

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 8 resultados.