O concurso igualitario da Deputación de Pontevedra “Búscase a Talento” premia a tres centros educativos de Vigo, Bueu e Sanxenxo

Iria Portabales, do CEIP Virxe do Rocío de Vigo, alzouse co primeiro premio desta iniciativa para promover o xoguete igualitario. Mateo Maquieira, do CEIP Portonovo (Sanxenxo) e Goro Couso, do CEIP A Pedra (Bueu), acadaron os accésits

23/03/2022

Búscase a Talento

Iria Portabales, alumna de 9 anos do CEIP Virxe do Rocío (Vigo), alzouse esta mañá co primeiro premio do concurso para promover o xoguete igualitario da Deputación “Búscase a Talento”, no que acadaron tamén accésit Mateo Maqueira, 8 anos, e Goro Couso, 8 anos, dos CEIP Portonovo (Sanxenxo) e A Pedra (Bueu). O salón de plenos, “o noso lugar máis importante para acollervos a vós, que tamén sodes o máis importante que temos”, acolleu a entrega desta primeira convocatoria do certame na que a presidenta Carmela Silva acompañada da responsable de Red Talento, Laura Seara, enxalzou o papel dos centros educativos, “moi comprometidos coa educación integral”. A entrega foi seguida en directo no Salón de Plenos  por ducias de compañeiras e compañeiros da nena e dos nenos premiados.

“Síntome orgullosísima da resposta que tivo o concurso, con máis de 1.400 nenas e nenos de 72 centros de 32 concellos que amosa que temos uns centros educativos comprometidos coa educación integral”, destacou Carmela Silva, que puxo en valor a creatividade das nenas e nenos. “O talento é o único que importa nas persoas, é o que vai construíndo sociedade”. “Búscase a Talento”, dirixido a 3º e 4º de primaria, pretendía remarcar que non hai xoguetes, libros ou xogos diferentes para nenas e nenos; só hai xoguetes para xogar, crear e imaxinar un mundo libre de estereotipos e roles de xénero. Deste xeito as nenas e nenos participantes tiñan que crear a “Talento”, un personaxe feliz, libre, intelixente e con moita creatividade, cunha serie de materiais enviados aos centros educativos pola institución provincial. 

Para a presidenta, que recordou o seu pasado como mestra, “non é posible unha educación plena e de calidade se a igualade non forma parte transversal desa educación. Cada día é máis importante que eduquemos en igualdade e na paz, fundamental para que non teñamos que asistir a unha situación tan terrible como a que vivimos nestes días”. Por estes motivos amosou o seu agradecemento “ao traballo desenvolvido polos centros educativos, cun grande compromiso co que é o máis importante ascensor social que existe: a educación”. Tamén enxalzou a creatividade das crianzas asegurando que “as 1.400 propostas eran marabillosas, sentídevos todas e todos premiadas/os porque o feito de poñer en marcha a vosa creatividade e talento é un premio xa en si mesmo, pero estas tres son realmente fermosas, teñen unha enorme forza, potencia, son absolutamente diferentes e poderían estar en calquera museo.”

Os premios

O primeiro premio recaeu en Iria Portabales, alumna do CEIP Virxe do Rocío de Vigo que recibiu de mans de Carmela Silva e da responsable de Red Talento, Laura Seara, un lote de libros educativos, un diploma en cartón pluma así como a noticia de que o seu personaxe creado para o concurso será protagonista dun conto escrito por Ledicia Costas. A propia escritora así o notificou nun vídeo emitido durante o acto de entrega de premios, no que amosou o seu desexo de coñecer canto antes a Iria “para ver que é o que pasou pola túa cabeza para deseñar este personaxe tan interesante e poñernos axiña a traballar”.

Pola súa banda Goro Couso, alumno do CEIP A Pedra de Bueu, e Mateo Maquieira, alumno do CEIP de Portonovo, recibiron tamén un lote de libros educativos e un diploma en cartón pluma. Os seus centros educativos, amais do de Iria Portabales, beneficiaranse dunha sesión do espectáculo de contos e música “Elas contan moito” e dun lote de material igualitario .

Tanto a nena como os nenos gañadores de “Búscase a Talento” tomaron a palabra durante o acto para agradecer á Deputación o premio como tamén o fixeron as mestras e mestres que os acompañaron, que aproveitaron a ocasión para enxalzar a iniciativa subliñando a necesidade de traballar no fomento da igualdade e da creatividade.

A guía “Búscase a Talento”

A Deputación vén de editar 1.500 exemplares da guía “Búscase a Talento”, que espallará polos centros educativos da provincia para afondar nas consecuencias da sexualización dos xoguetes e na importancia do xogo. A guía inclúe un decálogo para rachar cos xoguetes e xogo sexista, lembrando, entre outras cuestións, que as cores son de todas as nenas e nenos, a libre elección do xoguete, as oportunidades educativas que ofrecen, a contribución do xogo ao desenvolvemento de habilidades, e a importancia de escoller xoguetes seguros, cooperativos e que fomenten os valores e dereitos humanos. Tamén inclúe un glosario no que se explican conceptos como feminismo, xénero, sexismo, igualdade, patriarcado, diferenzas sexuais e de xénero, empoderamento, estereotipos, e roles e perspectiva de xénero.

Galerias de imaxes

videos

audios