Noticias

Entregados os premios do II Festival do Museo de Pontevedra en Curtametraxes

Os traballos premiados corresponden a alumnado de Pontevedra, Marín, Caldas de Reis, Vilagarcía de Arousa, Vigo, Cangas, Tomiño, e Salvaterra de Miño


31 maio 2019
II Festival do Museo de Pontevedra en Curtametraxes

Esta tarde o salón de actos do Sexto Edificio acolleu a entrega de premios do II Certame "O Museo de Pontevedra en curtametraxes", na que se recoñeceron os mellores traballos presentados por alumnado de toda a provincia desde 5º de primaria ata bacharelato. Este programa, que xa vai pola segunda edición, está deseñado para que as persoas mozas poidan amosar a súa particular visión, a través de curtametraxes, do patrimonio cultural exposto no Sexto Edificio, no Edificio Sarmiento e nas Ruínas de San Domingos. Hai que lembrar que esta iniciativa contempla unha serie de visitas guiadas e didácticas, así como obradoiros para fornecer os e as participantes dos coñecementos precisos para a realización final da curta. As bases establecían que as curtametraxes poden realizarse con cámaras, videocámaras, tabletas ou teléfonos móbiles e deben estar dirixidas, protagonizadas e realizadas exclusivamente polo alumnado, cunha duración máxima  de 5 minutos con créditos incluídos.

Os premios, que ascenden a un total de 6.900 euros, recaeron nos seguintes traballos:

Categoría infantil (alumnado de 5.º e 6.º de Primaria)

1.º premio: alumnado de 6º de primaria do CEIP San Clemente de Caldas de Reis, pola curtametraxe ‘Silgadas, o tesouro escondido', dotado con 600 euros.

2º premio: alumnado de 5º de primaria do CEIP Sobrada de Tomiño,  pola curtametraxe ‘Tomiño no Museo', dotado con 300 euros.

Mención especial: alumnado de 5º de primaria do CEIP Plurilingüe Rosalía de Castro de Carril, Vilagarcía de Arousa, por ‘A través da historia do Museo', dotado con 200 euros.

Mención especial: alumnado de 5º de primaria do CEIP Vilaxoán de Vilagarcía de Arousa, por ‘Cousas de Castelao', dotado con 200 euros.

Categoría benxamín (alumnado de 1.º e 2.º da ESO)

1.º premio: alumnado de 1º da  ESO do CPR Plurilingüe Labor  de Vigo, pola curtametraxe ‘O novo petróglifo', dotado con 800 euros.

2.º premio: Sofía Rial Vidal de Pontevedra  pola curtametraxe ‘Viaxe no tempo', dotado con 500 euros.

Mención especial: alumnado de 1º da  ESO do Colexio Eduardo Pondal de Cangas, pola curtametraxe ‘Un reto moi retro', dotada con 200 euros.

Categoría alevín (3.º e 4.º da ESO)

Mención especial: alumnado de 4º da  ESO do CPR Plurilingüe Labor de Vigo, pola curtametraxe ‘Viaxe no tempo', dotada con 400 euros.

Mención especial: alumnado de 4º da  ESO do CPR Plurilingüe Labor de Vigo, pola curtametraxe ‘Gallaecia Antiqva', dotada con 400 euros.

Categoría cadete (alumnado de Bacharelato, graos medios e Formación Profesional Básica)

1.º premio: David Sotelo, Guillermo Bouzas e Mario Acuña de Pontevedra, pola curtametraxe ‘Arroutada', dotado con 1.500 euros.

2º premio: Manuel Albariñas e Nee Barros de Marín, pola curtametraxe ‘A historia segue no Museo, dotado con 1.000 euros.

Mención especial: alumnado de 2º de Bacharelato do IES de Salvaterra de Miño, pola curtametraxe ‘Festa galega', dotada con 400 euros.

Mención especial: Laura Somoza García, amigas e amigos,  de Pontevedra, pola curtametraxe ‘Innato', dotada con 400 euros.

Vídeos participantes