Noticias

Escolares do CEIP Altamira de Salceda de Caselas implícanse na compostaxe coas mestras composteiras do Plan Revitaliza

Alumnado de 6º de primaria aprende a facer compost no composteiro que ten o centro escolar co lixo orgánico das merendas


07 febreiro 2019
Escolares do CEIP Altamira de Salceda de Caselas

O colexio Altamira de Salceda de Caselas está decidido a ter alumnas e alumnos expertos en compostaxe. Na xornada de hoxe e o próximo día 14 deste mes escolares de 6º de primaria recibirán varias charlas informativas sobre como é o proceso polo que se produce o compost e tamén cales son os seus usos para fertilizar as prantas e o solo dos montes e dos xardíns.

Tres mestras composteiras do Plan Revitaliza da Deputación (Sara Luque, Esther Valiño e Karina Pereira) fixeron de profesoras especializadas e explicaron que todos os restos de comida e vexetais transfórmanse nun fertilizante grazas a un proceso de descomposición natural. Subliñaron que os biorresiduos se mesturan con restos leñosos que funcionan como estruturante e se deixan madurar só remexendo o material de cando en vez e controlando a súa temperatura. Nas súas charlas utilizaron material explicativo e didáctico, ademais das ferramentas habituais que se utilizan na compostaxe, como por exemplo os aireadores. Tamén ensinaron como no paso final da produción do compost, o peneirado, se poden aproveitar obxectos como caixas de froita, por exemplo, sen ter necesidade dun aparello específico.

A rapazada do centro, despois das clases de formación e xa sabedora de que o tratamento de lixo debe basearse en modelos sustentables, comezará a recoller o lixo orgánico (fundamentalmente os restos das merendas dos recreos) de forma separada en caldeiros que se colocarán nos corredores nos próximos días. Despois, estes residuos levaranse ao composteiro do que dispón o centro escolar para xuntalos co estruturante.

A segunda parte dos obradoiros que impartirán as mestras composteiras estará centrada na aplicación do compost. De feito, na xornada do próximo día 14 o que farán é transplantar 14 pequenos carballos a unhas macetas utilizando fertilizante natural obtido xa noutros composteiros. Estes carballos serán despois, no próximo mes de novembro, plantados nos terreos de man común da comunidade de montes de San Xurxo, que fora moi afectada polos lumes de 2017.


Novas relacionadas

Representantes do Ministerio de Transición Ecolóxica, de administracións catalanas, navarras e do País Vasco que se reuniron en Pontevedra para coñecer o modelo pontevedrés

06 novembro 2018, revitaliza, cataluña, país vasco, plan revitaliza, navarra