A Deputación esgota as 440 prazas para as “Historias cavadas” nos castros e as rutas de arquitectura pola provincia

O programa de visitas teatralizadas a cinco xacementos arqueolóxicos arranca este venres en Castrolandín (Cuntis), mentres que os roteiros de arquitectura comezarán o vindeiro día 17

09/09/2022

As “Historias Cavadas” e as Rutas de Arquitectura seguen a afondar con éxito a memoria da provincia. Estes dous programas provinciais que a Deputación ofrece este outono para coñecer dun xeito ameno e didáctico a arqueoloxía, a historia e o patrimonio da provincia esgotaron en menos dunha semana as súas 440 prazas e teñen unha ampla lista de agarda para todos os percorridos previstos.

No caso das “Historias Cavadas”, o programa que consiste en visitas escenificadas aos castros da provincia, arrancarán este mesmo venres 9 ás 18 horas en Castrolandín (Cuntis) e prolongaranse ata o día 29 noutros catro xacementos da provincia en Tui, Ponteareas, Cangas e Sanxenxo. O obxectivo desta iniciativa é conseguir que a historia, o valor cultural, o contexto social e o significado artístico, patrimonial e simbólico destes xacementos arqueolóxicos, sexa interpretado e chegue ao público dunha maneira amena e didáctica.

Será de novo Troula Animación o grupo encargado destas visitas, dirixidas ao público familiar e cun total de dez sesións, dous en cada un dos cinco castros. Deste xeito, no Castro de Castrolandín (Cuntis) amais da sesión deste venres haberá unha segunda o 23 setembro (18 horas) e o programa continuará no Castro Alto dos Cubos (Monte Aloia, Tui) os días 16 e 17 setembro (18 e 12 horas respectivamente); no Castro do Monte do Facho (Cangas) os días 10 e 17 de setembro (19 horas); no Castro de Troña (Ponteareas): 25 e 29 setembro, (12 e 17 horas) e no Castro da Lanzada (Sanxenxo): 11 setembro (2 sesións: 12 e 17 horas).

Roteiros de Arquitectura

Esgotadas están tamén as 140 prazas da terceira edición das Rutas de Arquitectura, que se desenvolverán entre setembro e outubro polos concellos de Vila de Cruces, Silleda, Vilagarcía, Vigo, Portas e Caldas, co obxectivo do sensibilizar a cidadanía na importancia da arquitectura do século XX, modernista e racionalista que tingue a provincia.

A Deputación organiza estes percorridos en colaboración coa Real Academia Galega de Belas Artes. Serán catro visitas comentadas sobre época, ética e estética nuns percorridos que terán lugar os sábados en horario de mañá e que estarán guiados por expertos e expertas galegos en arquitectura e historia: Estefanía López, Luz Paz e Javier Gómez.

Iniciaranse 17 de setembro no Deza, cunha ruta guiada pola doutora en Arquitectura, Luz Paz, na que se visitará o Poboado de Fontao en Vila de Cruces e en Silleda o Mosteiro de Carboeiro. O día 24 de setembro celebrarase o segundo percorrido en Vilagarcía, onde as persoas participantes visitarán unha selección de vivendas unifamiliares e edificios modernistas e racionalistas da man da doutora en Arquitectura Estefanía López. Xa en outubro, o día 1  terá lugar a ruta por Vigo, guiada tamén por Estefanía López, que inclúe paradas no Teatro García Barbón, o convento das Salesas, edificios como Sanchón ou Curbera e a ermida do monte da Guía. E o 8 de outubro o programa chegará á comarca do Ulla-Umia con Paula Pita, doutora en Historia da Arte, que guiará un percorrido que arranca pola Azucreira de Portas e continuará en Caldas polos balnearios Acuña e Davila, o Xardín Botánico, a carballeira e a fervenza de Segade.