Esgotadas as prazas para a estrea da ópera electrónica “Papagena” nas Ruínas de San Domingos en Pontevedra

O espectáculo rotará despois por outros cinco concellos da provincia: O Grove, Caldas, Tui, Gondomar e Bueu

05/09/2022

A estrea da ópera electrónica “Papagena” colga o cartel de completo. Esta mañá esgotáronse as prazas para a primeira da representacións desta peza coa que a Deputación de Pontevedra e ButacaZero buscan romper clixés sexistas e democratizar este xénero musical para achegalo a escenarios onde non é habitual. Deste xeito, as prazas para a estrea da obra nas Ruínas de San Domingos xa están esgotadas, aínda que queda a oportunidade de ver a peza nos outros cinco concellos onde se escenificará: O Grove, Caldas, Tui, Gondomar e Bueu.

“Papagena” está baseada na parella de persoas-paxaro da obra “A frauta máxica” de Mozart que agora revísase en clave de xénero. É ópera galega en galego, busca reflexionar sobre os clixés do machismo e está dirixida a todos os públicos, especialmente ao adolescente. Está protagonizada pola soprano Esperanza Mara e o barítono Jacobo Rubianes, que actuarán acompañados no escenario por Iago Hermo, compositor da ópera e o libreto e director musical. O elenco da produción complétano Esther F. Carrodeguas, produtora e codirectora e Xavier Castiñeira, director artístico da peza.

Para facilitar a representación en todo tipo de escenarios, apostouse por unha instrumentación electrónica e por unha escenografía e iluminación integrada. Trala estrea o 10 de setembro, ás 21.30 horas, nas Ruínas de San Domingos, a obra estará o sábado 24 de setembro no Grove; o domingo, 9 de outubro, en Caldas de Reis; o venres, 21 de outubro, chegará a Tui; o sábado, 5 de novembro, a Gondomar ea última función será o 19 de novembro en Bueu.  A entrada nas funcións nos concellos será libre ata completar aforo.