Esgotadas as prazas para os cursos da Escola de Letras que impartirán Diego Giráldez e Anna Figueiredo

Os obradoiros, para os que tamén se abriu unha ampla lista de agarda, celebraranse a partir de setembro nas sedes da Deputación en Vigo e Pontevedra

02/08/2022

Escola de letras

Nunha soa xornada esgotáronse este pasado luns as prazas para os dous novos obradoiros da Escola de Letras da Deputación de Pontevedra e a Editorial Galaxia que se celebrarán a partir de setembro, impartidos polos docentes Diego Giráldez e Anna Figueiredo en Vigo e Pontevedra. Para ambos hai tamén unha ampla lista de agarda, para o caso en que se produzan baixas.

O obradoiro literario que ofrecerá Diego Giráldez terá 5 sesións (os días 13, 20 e 27 de setembro e 4 e 11 de outubro) e celebrarase na sede da Deputación en Vigo en horario de 18 a 20 horas, mentres que o obradoiro de Anna Figueiredo celebrarase no Edificio Administrativo da Deputación en Pontevedra os días 19 e 26 de setembro; 3, 10, 17 e 24 de outubro e 7 e 14 de novembro de 19 a 21 horas e leva por título “Escribir, xéneros, técnicas, temáticas”.

Por outra banda, en setembro abrirase a inscrición para o derradeiro dos obradoiros previstos neste 2022, que ofrecerá a autora Elvira Ribeiro en Pontevedra e que terá lugar en outubro, os días 18 e 25. A Escola de Letras da Deputación e a Editorial Galaxia, pioneira en Galicia e unha das escasas a nivel estatal, arrancou no ano 2020 co obxectivo de fomentar o talento na provincia e xerar un espazo de encontro entre autoras e autores consagrados e persoas amantes da literatura galega, a través dun abano de obradoiros que abarcan a novela, o relato ou a poesía, para todos os públicos. Neste 2022 ofertáronse un total de seis obradoiros e xa se celebraron os tres primeiros, dous impartidos por Inma López Silva (un en Vigo e outro en Pontevedra) e un por Antonio García Teijeiro en Vigo.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 8 resultados.