Esgotadas as prazas para participar na estrea de “Voando nas Rías Baixas” este domingo no Grove

25 persoas visitarán o Complexo Intermareal Umia-O Grove, a reserva ornitolóxica máis grande do Estado e única de Galicia, onde pasan os meses fríos 18.000 aves

08/02/2022

Voando nas Rías Baixas

A Deputación de Pontevedra suma un novo éxito no seu catálogo de actividades de participación cidadá con concienciación medioambiental. A institución provincial vén de pechar as inscricións da primeira ruta ornitolóxica da quinta edición do programa “Voando nas Rías Baixas”, organizado en colaboración con SEO Birdlife, tras completar as 25 prazas para poder participar este domingo no Complexo Intermareal Umia-O Grove. A Deputación é consciente de que a natureza e as paisaxes das Rías Baixas son un recurso turístico de primeiro nivel e da grande atracción que supón a ornitoloxía durante todo o ano, feito que contribúe ao obxectivo da institución provincial de desestacionalizar as visitas ao destino.

O Complexo Intermareal Umia-O Grove é a zona húmida máis importante de Galicia e un dos mellores observatorios de aves acuáticas que invernan no noroeste peninsular, tanto por diversidade como pola sorprendente cantidade de aves migratorias que se concentran na zona. Nesta reserva ornitolóxica –a máis grande do Estado español, única de Galicia e única que conta con medio mariño– pasan os meses fríos máis de 18.000 aves acuáticas, e é a principal localidade de invernada e de paso migratorio galego do cullereiro.

Tamén salientan nel as concentracións de aves limícolas como gabitas, virapedras, pilros, píldoras, mazaricos, píllaras, biluricos, distintas especies de parrulos, garzas, gaivotas, carráns ou corvos mariños, que se desprazan a esta reserva desde o norte de Europa para aproveitar a súa riqueza. O complexo está protexido pola Rede Natura 2000 como Zona Húmida de Importancia Internacional, segundo o Convenio Ramsar e como Zona de Especial Interese Comunitario pola importancia da súa biodiversidade.

As saídas de “Voando nas Rías Baixas” están conducidas por persoal experto de SEO Birdlife, que axudarán as persoas participantes ao recoñecemento das aves. O programa pon á disposición de cada grupo prismáticos de observación e telescopios terrestres de alta gama para poder gozar das aves a distancia sen interferir na súa actividade. Tamén se facilita unha Guía de Aves, así como unha relación de paxaros para que cada integrante do grupo elabore a súa lista.

Trala ruta no Grove, “Voando nas Rías Baixas” continuará o 3 de abril polas Ribeiras do Umia (Cambados, Ribadumia), o 8 de maio no Monte Aloia (Tui), o 19 de xuño nas Brañas de Xestoso (Forcarei, Silleda), o 10 de xullo na Serra do Suído (Cerdedo-Cotobade, Covelo, Fornelos, A Lama e Beariz), o 6 de novembro na Enseada de San Simón (Redondela) e, para finalizar, o 18 de decembro na desembocadura do río Lérez o a zona intermareal Combarro-Lourido (Poio, Pontevedra).

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 14 resultados.