Esgotadas as prazas para todas as rutas de xuño polos “Bosques Terapéuticos”

Os oito percorridos programados pola Deputación por seis espazos naturais da provincia están completos e con centos de persoas na lista de agarda

25/05/2022

Acollida espectacular ás novas rutas polos “Bosques Terapéuticos” na provincia programadas pola Deputación. Despois de que os percorridos pola Illa de Tambo completasen as súas prazas en tan só media hora, na segunda xornada de inscrición cubriuse todo o aforo das sete rutas restantes programadas para o mes de xuño e, amais, son centos as persoas que están nas correspondentes listas de agarda, o que confirma a consolidación deste programa provincial que prima a experiencia das persoas co medio natural, a interpretación do patrimonio e a posta en valor dos beneficios dos “baños de bosque”.

Para o vindeiro mes de xuño, os baños de bosque comezarán o día 4 coa Ruta da Pedra e da Auga (Meis) e continuarán o 5 coa dos Salóns do Lérez (Pontevedra). Posteriormente, o día 11 celebrarase o roteiro polo Río Eifonso (Vigo) e o día 12 o da Senda do Almofrei (Cerdedo-Cotobade). O día 18 terá lugar a ruta da Illa de Tambo, e os “Bosques Terapéuticos” pola Illa de Arousa chegarán os días 19 e 25. Por último, a contorna da Ponte Colgante do Lérez (Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro) será escenario da ruta do día 26.

As persoas interesadas en participar nas seguintes 10 rutas polos “Bosques Terapéuticos” que terán lugar en xullo deberán apuntarse a partir do 20 de xuño e ata dous días antes de cada ruta, xa que ao igual que o pasado ano, as inscricións ábrense de mes en mes. Poderán inscribirse nesas datas a través formulario dispoñible na web provincial www.depo.gal.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 13 resultados.