Esgotadas en dúas horas as 300 prazas de agosto do programa da deputación “Bosques Terapéuticos”

As prazas para as dúas rutas previstas en Tambo esgotáronse en tan só tres minutos e  hai unha lista de agarda de centos de persoas para o total de 12 itinerarios previstos

26/07/2022

Bosques Terapéuticos  

Os Bosques Terapéuticos seguen a amosar o seu espectacular tirón. En tan só dúas horas esgotáronse hoxe luns as 300 prazas que a Deputación de Pontevedra dispuxo para o total de 12 rutas dos baños de bosque previstas no mes de agosto en sete parques naturais da provincia. Amais, no caso da Illa de Tambo, completáronse en tan só tres minutos. En todas as rutas hai unha ampla lista de agarda de centos de persoas, o que confirma o éxito e a consolidación na súa terceira edición deste programa, que prima a propia experiencia das persoas co medio natural da contorna, conxugada coa interpretación do patrimonio.

En concreto, en agosto haberá un total de 12 rutas, que comezarán o día 5 na Ruta da Pedra e da Auga (Meis), que tamén se visitará o día 28. O calendario complétase cos itinerarios polos Salóns do Lérez (6 e 26 de agosto); A Illa de Tambo (días 14 e 27); o Espazo Natural Río Eifonso en Bembrive-Vigo (12 e 21 de agosto); A Illa de Arousa (día 13); a Ponte Colgante do Lérez nos concellos de Campo Lameiro e Cerdedo-Cotobade (día 19) e a Senda do Almofrei en Cerdedo-Cotobade (7 e 20).

Aínda quedarán outras 8 rutas no mes de setembro, para as que se abrirá o prazo de inscrición o 22 de agosto a través do formulario que as persoas interesadas poderán atopar na web da Deputación.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 10 resultados.