Esgotadas as prazas do último obradoiro do ano da Escola de Letras, que impartirá Elvira Ribeiro

A autora ofrecerá un taller de poesía titulado “Onde nace o poema” en Pontevedra os días 18 e 25 do vindeiro mes de outubro

19/09/2022

O último dos obradoiros da terceira edición da Escola de Letras, que impartirá a autora Elvira Ribeiro en outubro, xa ten esgotadas as súas prazas. Deste xeito, o centro da Deputación e Editorial Galaxia colga o cartel de completo nos seis cursos deste 2022 e amósase como unha aposta consolidada na programación cultural da provincia.

Elvira Ribeiro (Pontevedra, 1971) ofrecerá un obradoiro que leva por título “Onde nace o poema” os días 18 e 25 de outubro de xeito presencial no Edificio Administrativo da Deputación en Pontevedra, en horario de 18.00 a 20.00 horas. A escritora, que se dedica á docencia e tradución, ten publicado  diversas obras de literatura para público adulto, como Andar ao leuArxiloxaBiografía da Multitude, Corpos transitivos e Welcome to Sing Sing e infantil, como pAlAbrAs brAncAs,  As redes de Inés, a biografía da pintora Maruja Mallo na colección Mulleres Bravas da Nosa Historia e os álbums ilustrados Ola!, son un bicho bóla! e Mar de mazá.

Por outra banda, seguen a desenvolverse os obradoiros de Diego Giráldez en Vigo e  Anna Figueiredo, “Escribir, xéneros, técnicas, temáticas”, en Pontevedra, que rematarán os días 11 de outubro e 14 de novembro respectivamente .

A Deputación e Galaxia puxeron en marcha no 2020 a Escola de Letras, baixo a dirección de Francisco Castro,  sendo pioneira en Galicia e unha das escasas a nivel estatal. A iniciativa arrancou co obxectivo de fomentar o talento na provincia e xerar un espazo de encontro entre autoras e autores consagrados e persoas amantes da literatura galega, a través dun abano de obradoiros que abarcan a novela, o relato ou a poesía, para todos os públicos. Neste 2022 ofertou obradoiros a cargo de Inma López Silva, García Teijeiro, Diego Giráldez, Anna R. Figueiredo e  Elvira Ribeiro.

Ligazóns de interese

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.