Noticias

Esgotadas todas as prazas para a primeira ruta ornitolóxica "Voando nas Rías Baixas" que percorrerá o día 21 de xaneiro o Complexo Intermareal Umia-O Grove

Este espazo natural é o primeiro dos tres roteiros gratuítos impulsados este ano pola Deputación de Pontevedra coa colaboración de SEO BIRDLIFE


12 xaneiro 2018
Voando nas Rías Baixas

En só tres días, desde que se abriu o prazo de inscrición, xa están esgotadas as 30 prazas dispoñibles para a primeira ruta ornitolóxica da campaña "Voando nas Rías Baixas", que terá lugar o próximo 21 de xaneiro polo Complexo Intermareal Umia-O Grove, protagonista desta primeira saída, gratuíta, guiada e organizada pola Deputación de Pontevedra en colaboración con SEO BIRDLIFE. No transcurso desta ruta, as persoas participantes poderán coñecer a riqueza ornitolóxica desta zona de especial protección situada na comarca do Salnés. As prazas son limitadas xa que o grupo non pode exceder de trinta persoas, ao tratarse dunha actividade que non pretende ocasionar impacto ambiental algún sobre estas zonas protexidas.

O Complexo Intermareal Umia-O Grove trátase dunha zona húmida situada entre a península do Grove, o istmo da Lanzada e a zona sudoeste da ría de Arousa, abarcando o estuario do Umia ata Cambados. Este espazo está declarado Zona Húmida de Importancia Internacional e incluída no convenio RANSAR. Nesta zona invernan preto de 18.000 aves que pasan os meses de frío ou están de tránsito na provincia. Así, podemos atopar desde cullereiros ata gaivotas, virapedras, pilros, píldoras, mazaricos, píllaras, biluricos, distintas especies de patos, garzas, garzotas, gaivotas, carráns, movellas, pentumeiros ou corvos mariños, que desde o norte de Europa desprázanse a esta Reserva para aproveitar a súa riqueza. A ruta terá lugar o 21 de xaneiro da man de guías especializados de SEO BIRDLIFE que facilitarán ás persoas participantes material para poder avistar as diferentes aves.

Xunto á visita ao Complexo Intermareal Umia-O Grove, conforman o programa "Voando nas Rías Baixas" outra ruta guiada ao esteiro do río Miño-Foz da Ramallosa (4 de febreiro de 2018) e unha saída ás Brañas de Xestoso (20 de maio de 2018). O prazo de inscrición para a segunda ruta Esteiro do Río Miño-Foz da Ramallosa ábrese o 23 de xaneiro. As persoas que desexen participar deberán inscribirse a través da www.depo.gal ou ben nos rexistros da Deputación de Pontevedra en Pontevedra e Vigo.

Esta campaña forma parte das actuacións enmarcadas no Plan Estratéxico de Turismo,  xa que se trata dunha oportunidade de diversificar o turismo na provincia de Pontevedra ao tempo que sensibilizamos á cidadanía local sobre a necesidade de preservar estes espazos protexidos. A Deputación de Pontevedra está a apostar polo turismo ornitolóxico como unha nova modalidade para coñecer a provincia. Deste xeito, xunto con estas novas rutas, a institución provincial patrocinou no 2017 o documental España, la tierra prometida na que as Rías Baixas protagonizaron tres dos catro capítulos que o conforman.