Noticias

Este luns ábrese o prazo de inscrición na xornada Infancia e Adolescencia: Unha Cara Oculta da Violencia de Xénero

Organizado pola Deputación, Concello de Pontevedra e Universidade de Vigo, o evento terá lugar o día 26 no Pazo da Cultura e ofrecerá a visión de expertas sobre as repercusións das violencias machistas na infancia e adolescencia e sobre as ferramentas para a súa prevención e intervención


14 maio 2018
Xornada

Este luns abriuse o prazo de inscrición para participar na, xornada Infancia e Adolescencia: Unha Cara Oculta da Violencia de Xénero organizada pola Deputación, Concello de Pontevedra e Universidade de Vigo, e enmarcada na Escola de Igualdade María Vinyals.

Será coordinada pola profesora María M. Álvarez Lires e forma parte do convenio de colaboración asinado entre a Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo a través do cal se acordou impulsar actividades que representen unha mellora para a sociedade, entre as que se sitúa a promoción da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e a loita contra as violencias machistas.

Deste xeito, a xornada que terá lugar o vindeiro 26 de maio ao longo da mañá e da tarde no Pazo da Cultura de Pontevedra, afondará na problemática das violencias machistas, un problema que afecta non soamente á muller senón tamén ás nenas e nenos que a presencian. Por estes motivos, a través de Infancia e Adolescencia: Unha Cara Oculta da Violencia de Xénero vanse dar a coñecer os resultados dun traballo de investigación, incluído no proxecto REDES da Universidade de Vigo, relativo a diferentes aspectos da violencia machista exercida sobre a infancia e a mocidade. Tamén se pretende ofrecer a visión de diversas expertas nos ámbitos da psicoloxía, educación, saúde, xustiza e do mundo asociativo sobre esta problemática, así como proporcionar elementos de debate e ferramentas para a prevención e intervención.

A xornada comezará ás 9.30 coa benvida institucional. A continuación, Ángeles Parrillo ofrecerá unha conferencia para dar a coñecer o proxecto REDES da Universidade de Vigo e posteriormente terá lugar o panel de presentación do microproxecto Infancia e Adolescencia: Unha Cara Oculta da Violencia de Xénero no que participarán Azucena Arias, Daisy Alcalde e Iria Vázquez. A última conferencia da mañá, ás 12.00 h., será a cargo de Sonia Vaccaro quen afondará sobre Violencia Sicaria e SAP: Fillas e Fillos Como Vítimas da Violencia de Xénero.

Xa pola tarde, entre as 16 e 18 horas terán lugar catro obradoiros. Un, dirixido por Mariví Fernández Roldán, sobre A Coeducación, o Camiño Para a Prevención da Violencia de Xénero; outro, a cargo de Lola Ferreiro, sobre Crianzas Maltratadas: Detección e Abordaxe no Ámbito Sanitario; o terceiro, dirixido por Paz Filgueira, para falar sobre Menores e Violencia de Xénero, Tratamento Interdisciplinario. Detección e Actuación das Administracións Públicas. Apuntes Sobre o Pacto de Estado e o último dirixido por Estrela Gómez, sobre Desmontando Mitos Contra Nenas, Nenos e Adolescentes Desde o Eido Asociativo.

En total, a Deputación de Pontevedra, o Concello de Pontevedra e a Universidade de Vigo ofertan 150 prazas para profesorado e alumnado da Universidade de Vigo, para o profesorado e persoal educativo dos centros dependentes da institución provincial, para profesorado de centros de ensino dependentes da Consellería de Educación, para as e os profesionais dos CCFFSS, persoal técnico dos Centros de Información á Muller, profesionais da sanidade, da xustiza e todas aquelas persoas interesadas no tema.

As persoas interesadas en participar en Infancia e Adolescencia: Unha Cara Oculta da Violencia de Xénero poderán formalizar a súa inscrición, desde hoxe e ata o 23 de maio, a través de www.depo.gal