Noticias

Este luns comeza a quinta quenda dos campamentos polideportivos Príncipe Felipe

Un total de 50 nenas e nenos gozarán dunha semana chea de actividades deportivas e de lecer, centradas este ano en concienciar no respecto e no coidado do medio


12 agosto 2018
Campamentos polideportivos Príncipe Felipe

Desde este luns, 13 de agosto, e ata o sábado 18 de agosto, un total de 50 rapazas e rapaces van participar na quinta quenda dos campamentos polideportivos Príncipe Felipe 2018, que se desenvolven ao longo dos meses de xullo e agosto. En total, e durante seis quendas, 300 nenas e nenos de toda a provincia de entre 7 e 14 anos gozarán desta iniciativa impulsada pola Deputación de Pontevedra.

Durante esta semana, as e os participantes gozarán dunha chea de actividades deportivas e de lecer nas instalacións de Príncipe Felipe, en Pontevedra. Entre as accións previstas haberá, por exemplo, xogos en inglés, actividades acuáticas como wáter-polo e piscina, deportes de aventura, deportes na natureza, actividades de rastrexo e tamén unha saída ao parque multiaventura de Marín.

O fío condutor deste ano xira arredor do respecto e do coidado do medio. O obxectivo é que as rapazas e rapaces se conciencien da importancia da natureza e da necesidade de coidala. Tamén se desenvolverá "Evitando lumes", unha actividade específica para concienciar sobre os lumes forestais. Para traballar nos contidos sobre o medio, en cada quenda e en función da súa idade, as rapazas e rapaces formarán parte de cadansúa brigada de axentes medioambientais, que serán as de Monte Castrove, Illas Atlánticas, Monte Santa Trega e Monte Cotorredondo.

Ata que remate esta nova edición dos campamentos polideportivos Príncipe Felipe, un total de 300 nenas e nenos de toda a provincia participarán nesta iniciativa. Como cada ano, trátase dun programa de grande acollida, posto que nesta ocasión quedaron máis de 80 nenas e nenos en lista de espera. Á parte de desenvolver toda unha serie de actividades para o lecer e a aprendizaxe, estes campamentos teñen o obxectivo de ensinarlles a desenvolverse elas soas e sós e afastados da súa familia. Así, espérase que se potencie a súa maduración, a sociabilidade e o dinamismo multicultural, inculcando hábitos de vida saudables e de hixiene, alimentación, saúde e lecer.


Novas relacionadas