Noticias

Este venres arranca en Bueu unha nova edición das Rutas das Tapas Cinco Estrelas

Esta iniciativa nace como unha colaboración entre a concellaría de promoción económica e o FICBUEU, co obxectivo de unir o cinema coa gastronomía da vila durante a semana do festival


04 setembro 2019
Bueu
Ruta das Tapas Cinco Estrelas

Para os padais máis exquisitos e que gusten da gastronomía, a concellaría de promoción económica, organiza en colaboración co FICBUEU, a terceira Ruta das Tapas Cinco Estrelas, na que participan un total de dez establecementos que ofrecerán as súas propostas entre este venres e o 15 de setembro. A iniciativa naceu co obxectivo de unir o cinema coa gastronomía durante a semana do festival, de aí que todos os pratos leven o nome dunha película, tal e como salientou Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo durante a presentación da iniciativa, na que estivo acompañada de Manuel Pena, o director do festival, e dunha representante de Casa Quintela, un dos locais participantes. Carballo apuntou que "estamos encantados de realizar esta sinerxia co festival para que se dea a coñecer a nosa gastronomía a nivel internacional".

En concreto, A Cepa anímase con "Sonrisas de una noche de verano", Aturuxo BOK, con "La costilla de Adán", Cafetería do Centro Social do Mar, con "20.000 leguas de viaje submarino", Noite Tapas con "Orixe", O Pazo con "Men in black", Casa Quintela, con "Snatch, Cerdos y diamantes", A Esmorga, con "Chicken Run", Volver con "Volver", O Farol con "Las uvas de la ira" e a Tapería Sabor de Ons con "En el corazón del mar".

Os petiscos teñen un prezo de 2 euros e o horario para degustalos será de 12 a 14 horas e de 20 a 22 horas.

Establécense dous premios para os locais participantes: o Premio do Xurado Internacional, composto por cineastas convidados ao FICBUEU 2019, e o Premio do Público, que será outorgado a partir das valoracións que as e os comensais reflictan no folleto da Ruta das Tapas 5 Estrelas. A clientela terá ademais a posibilidade de gañar unha cea para dúas persoas. Para entrar neste sorteo deberán completar o selado das cinco estrelas do cupón, ao ir degustando as diferentes propostas, e entregalo no Despacho de Billetes do FICBUEU.