Noticias

Estudantes do Centro de Recursos Educativos da ONCE en Pontevedra achéganse ao funcionamento da Deputación

A deputada provincial Chelo Besada e persoal da Deputación explicáronlles as iniciativas desenvolvidas en materia de formación, emprego e novas tecnoloxías


28 xuño 2018
Estudantes do Centro de Recursos Educativos da ONCE en Pontevedra

Un grupo de seis estudantes do CRE (Centro de Recursos Educativos) da ONCE en Pontevedra visitaron hoxe a Deputación de Pontevedra para coñecer polo miúdo o funcionamento da institución provincial e especialmente as iniciativas relacionadas coa formación e co emprego. A deputada provincial Chelo Besada recibiu ao alumnado e despois persoal da Deputación explicoulles as medidas no eido de formación, emprego e novas tecnoloxías.

A visita inscríbese dentro das actividades que esta última semana de xuño teñen lugar no CRE de Pontevedra con motivo do Servizo de Escolarización Combinada Compartida. Durante estes días, as e os estudantes con déficit visual participan en diferentes actividades encamiñadas ao coñecemento do mundo laboral e da accesibilidade a postos de traballo. As alumnas e alumnos están realizando visitas a diferentes institucións, como a Deputación, empresas e outras entidades co fin de obter información sobre distintas iniciativas e sobre a súa accesibilidade.

O alumnado que se achegou ata o Pazo provincial ten idades comprendidas entre os 13 e os 17 anos. Despois de visitar o salón de plenos e saber máis sobre a historia da Deputación e do seu funcionamento, as rapazas e rapaces foron informados sobre os distintos programas postos en marcha na área de Emprego e sobre a súa accesibilidade.

Así mesmo, persoal da área de Novas Tecnoloxías tamén lles explicou o funcionamento do servizo de SmartPeme, unha rede de puntos de atención en toda a provincia, atendidos por asesoras e asesores especializados en materia TIC. Na charla expuxéronse as súas vantaxes e oportunidades para pemes e autónomos, xa que prestan un servizo individualizado de información e asesoramento, presencial e personalizado sobre as TIC e as novas tecnoloxías.

 

Fotos