Noticias

Eva Vilaverde ofrécelles as instalacións de Príncipe Felipe á veciñanza e ás entidades da contorna

A deputada provincial convida o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, a coñecer de primeira man as instalacións e o traballo que alí se realiza


21 out 2015
Instalacións de Príncipe Felipe
Instalacións de Príncipe Felipe

"Todo o mundo sabe que o Centro Príncipe Felipe existe pero non sabe ben o que hai dentro nin como se pode utilizar", así explicaba a deputada Eva Vilaverde a razón pola que convidou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, a coñecer de primeira man as instalacións e o traballo que se realiza neste centro. A deputada provincial asegurou que "o noso obxectivo é darlle unha nova vida a este centro, dalo a coñecer entre a sociedade, poñer en valor o traballo dos e das profesionais e abrir as súas portas ás entidades e á veciñanza".

Neste proceso de difundir as potencialidades do Centro Príncipe Felipe, Eva Vilaverde sinalou a importancia de "amosarllo ao alcalde da cidade como un primeiro paso e, por extensión, ofrecerllo a toda a veciñanza da contorna que queira empregar os recursos que aquí temos e que nolo soliciten". Pola súa banda, Miguel Anxo Fernández Lores agradeceu a invitación e concordou na necesidade de dalo a coñecer para aproveitalo ao máximo. Tras a visita manifestou a súa satisfacción por coñecer máis polo miúdo o centro e afirmou que "estou vendo que aquí se fan as cousas ben e que se está traballando cunha alta calidade e con responsabilidade".

Entre as potencialidades do centro a deputada mencionou as instalacións deportivas, o albergue, o auditorio, as aulas formativas e un local social que pode ser utilizado por entidades, asociacións e clubs de toda a provincia que o precisen e soliciten. No eido da infancia e a educación tamén destacou o labor da escola infantil e, xa nun ámbito máis específico, os centros de día e de acollida para a infancia e a mocidade que precisan deste recurso.

Eva Vilaverde asegurou ademais que desde o novo goberno provincial se está a traballar para "converter Príncipe Felipe nun centro de referencia mellorando a súa xestión para facer máis visible a súa vertente educativa".

Eva Vilaverde e Miguel Anxo Fernández Lores, acompañados polo director do centro, Xosé Ramón Couto, e por unha representación do equipo técnico, iniciaron o percorrido polo centro de día e de acollida para nenos e nenas de 0 a 7 anos e, a continuación, visitaron a escola infantil, os módulos de convivencia para rapaces maiores de 7 anos, o auditorio e as instalacións exteriores. Ademais do contacto cos rapaces e as rapazas dos centros e de coñecer o traballo educativo e asistencial in situ, tamén puideron profundar sobre as cuestións técnicas e pedagóxicas de cada unidade. Actualmente, en Príncipe Felipe traballan preto de 230 profesionais e prestan atención a máis de 300 rapaces e rapazas entre os centros de acollida e Educación Infantil.

A deputada aproveitou a visita do alcalde para poñelo ao día sobre o proxecto de accesibilidade ao centro, que prevé a instalación dunha glorieta para reordenar o tráfico na zona e a renovación total da imaxe da entrada. Instalarase para isto un dobre control de acceso, crearase unha área de estacionamento temporal e unha nova praza que fará de antesala ao edificio principal e que terá prioridade peonil. Así mesmo, substituirase o actual enreixado de barrotes que rodea a instalación por unha pantalla-muro de vexetación co obxectivo de crear un ambiente máis adecuado para os menores.

Tanto a deputada coma o rexedor tamén se referiron á titularidade do Centro Príncipe Felipe concordando ambos os dous en que o idóneo sería que dependese da Xunta de Galicia. Neste sentido, Eva Vilaverde afirmou que "seguimos pensando que é unha competencia propia da Xunta, que lle debe ofrecer este recurso a todo o país", pero incidiu en que mentres sexa de titularidade provincial "seguiremos traballando para melloralo e convertelo nun modelo de referencia".


Novas relacionadas

Principe Felipe

22 xullo 2017, cohesión social, principe felipe, autoprotección