Noticias

Éxito de participación na primeira showroom no Coworking de Barro da Deputación de Pontevedra

As e os participantes no programa de emprendemento da institución provincial amosaron na xornada de portas abertas do Viveiro as súas propostas para lanzar ao mercado


08 maio 2019
Coworking Barro

O deputado Carlos López Font, asistiu esta tarde á primeira showroom creada polo equipo da terceira edición do Coworking de Barro, da Deputación de Pontevedra, unha feira-exposición de portas abertas no Viveiro con casetas individuais e outro tipo de formatos nos que se expuxeron contidos atractivos, útiles e orixinais en tema de ocio, cultura, turismo e sustentabilidade.

Así, durante a tarde, as e os participantes nesta edición do Coworking, o programa de emprendemento, froito da colaboración entre a Deputación e a Escola de Organización Industrial, amosaron as súas propostas e proxectos para lanzar ao mercado. Neste eido, as persoas asistentes puideron descubrir e tamén comprar os produtos e servizos que alí se ofreceron. O evento estaba dirixido a todo público e, especialmente, a particulares, familias, institucións e profesionais dos sectores de referencia que tivesen interese en coñecer ofertas innovadoras.

Carlos Font sinalou que "un día máis, con iniciativas como estas, podemos comprobar como a nosa mocidade é particularmente valiosa cando as administracións lles aportan ferramentas e recursos para poder desenvolver as súas potencialidades". O deputado puxo en valor "o emprendemento como actividade xeradora de emprego e de actividade económica na provincia e máis cando temos xente con tanto talento como podemos ver no Coworking".

Na Feira de Exposición de Barro participaron 20 empresas: Tribu Aventuras, Mundo Escénico, Huella Menguante, Rooteiro, Lia B, Adriana Toruiño, A Batea do Mercado, Prixma, Idigal, Damaso Consulting, Culebra Studio, Pasaporte Rural, A Casa da Carballeira, Xacobleas, Marketing con Iris, Herbas do Crego, Dedicate Home, Jose Gadea Studio, Xouxere e Material de fisioterapia online.

A través do Coworking de Barro, que conta cun orzamento de 800.000 euros, a Deputación de Pontevedra pretende fomentar o emprendemento e aumentar as posibilidades de éxito dos proxectos de negocio que participen destes espazos de coworking, nun período de cinco meses, identificando as propostas con máis potencial de crecemento buscando que os proxectos participantes poidan incorporarse en aceleradoras e cubrir así a seguinte fase no desenvolvemento das súas empresas.