Arranca en Cerdedo-Cotobade a mostra itinerante “pontevedra e américa. Unha mirada en feminino” cunha fermosa homenaxe a Nélida Piñón

A exposición itinerante presenta as biografías de 13 mulleres da e na emigración  e poderá visitarse no Edificio Antonio Fraguas da Chan, Carballedo, ata o 28 de xuño

08/06/2022

“Pontevedra en América. Unha mirada en feminino”, a mostra itinerante da Deputación e da Cátedra Iberoamericana da USC para poñer en valor a historia de 13 mulleres da e na emigración, vén de inaugurarse esta tarde no Edificio Cultural e Turístico Antonio Fraguas da Chan, en Carballedo (Cerdedo-Cotobade), cunha fermosa homenaxe a Nélida Piñón a cargo de Carmen Villarino. A presidenta provincial Carmela Silva, acompañada da catedrática emérita de Historia e Institucións Económicas da USC, María Xosé Rodríguez Galdo, e da directora da Cátedra Iberoamericana da USC, María Cadaval, amais de polo alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, enxalzou a importancia da exposición por “presentar a mulleres moi potentes, que son a nosa historia, historia roubada que nós recuperamos para que a sociedade coñeza todas as súas aportacións”. 

A presidenta animou á cidadanía a achegarse ata o Edificio Cultural e Turístico Antonio Fraguas da Chan ata o 28 de xuño, data da clausura da mostra, “para coñecer a experiencia vital destas grandes mulleres nadas na provincia de Pontevedra que emigraron, ou nadas na emigración pero cunha orixe pontevedresa, que xogaron un papel fundamental e imprescindible aínda que invisibilizado”. Ademais, reivindicou a necesidade desta mostra coa que “estamos a completar a historia da relación entre Galicia e América”, e enxalzou a figura de Nélida Piñón, a escritora brasileña cuxo pai naceu en Cerdedo-Cotobade e cuxa nai, aínda que brasileira, tamén era orixinaria deste concello. “É unha das grandes escritoras contemporáneas –subliñou- cunha ampla bibliografía e obras traducidas en máis de 30 países, nada máis e nada menos. Un verdadeiro orgullo para todas e todos nós”.

Sobre Nélida Piñón afondou Carmen Villarino, doutora de Filoloxía Galega pola USC cunha tese sobre literatura brasileira titulada “Aproximaçao à obra de Nélida Piñón. A República dos Sonhos” que lle fixo acadar o Premio Extraordinario de Doutorado.  Villarino detívose na ampla carreira da escritora e a súa traxectoria vital, a carón de ambas beiras do Atlántico.

Ademais de Nélida Piñón, protagonista de “Pontevedra en América. Unha mirada en feminino” en Cerdedo-Cotobade, integran a mostra outras doce mulleres que foron presentadas por María Xosé Rodríguez Galdo, quen fixo un percorrido guiado polos paneis que compoñen a exposición itinerante.  Así, Rodríguez Galdo destacou a figura de Isabel Barreto, Mercedes Ruibal, Teresa Táboas, Elena Colmeiro, Virxinia Pereira, Anisia Miranda, Lorena Lores, María Araújo, Josefa Emilia Sabor, Mariví Villaverde, María Vinyals e Isabel Gómez, para as que o tempo vivido en América e en Pontevedra constitúe o nexo de unión. A través de catro cubos dispostos no Edificio Antonio Fraguas da Chan poderase afondar na súa traxectoria vital, observar fotografías e coñecer o papel imprescindible que xogaron todas elas na historia da emigración.

Tralo seu paso agora por Cerdedo-Cotobade, e antes por Silleda e Pontevedra, a mostra continuará por Vila de Cruces, O Grove, Vilagarcía, Soutomaior e Redondela onde se organizarán tamén conferencias para coñecer ás figuras femininas emigradas ou nadas na emigración que tiveron relación con cada localidade. Así, se en Pontevedra as protagonistas foron Isabel Barreto, Mercedes Ruibal e Teresa Táboas, en Silleda Elena Colmeiro e Virxinia Pereira e en Cerdedo-Cotobade Nélida Piñón, en Vila de Cruces será Anisia Miranda; no Grove Lorena Lores; en Vilagarcía María Araújo, Josefa Emilia Sabor e Mariví Villaverde; en Soutomaior María Vinyals e en Redondela Isabel Gómez.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.