Noticias

ExpresARTE, un modo de fomentar a inclusión e interacción social a través da expresión plástica

O Museo acollerá a partir de setembro un obradoiro creativo que reservará a metade das prazas a crianzas con diversidade funcional


30 agosto 2019
ExpresARTE

O Museo de Pontevedra vai realizar entre os meses de setembro e novembro un obradoiro de expresión plástica que ten como obxectivo a integración e interacción social. Trátase do programa ExpresARTE, destinado a nenas e nenos a partir de seis anos no que a metade das prazas existentes estarán reservadas a crianzas con diversidade funcional.

O programa expresa un conxunto de actividades vencelladas á arte que abordará tanto conceptos da linguaxe plástica como os grandes temas da arte. Cada un deles relacionarase cunha obra da colección permanente do Museo. As finalidades que se perseguen son a interacción e a autoexpresión da rapazada, a libre expresión, e non tanto a creación en si.

A proposta deste obradoiro reivindica ás crianzas como protagonistas sexa cal sexa o seu momento evolutivo e características persoais e sociais coas que afronta a tarefa de aprender, superando as barreiras que dificultan o máximo desenvolvemento das súas capacidades propias.

O curso comezará o 26 de setembro e rematará o 28 de novembro, e desenvolverase os xoves de cada semana sendo cada sesión de 75 minutos en horario de 17.15 a 18.30 h. Hai 12 prazas dispoñibles e o prazo de inscrición anunciarase nos vindeiros días, non estando aínda habilitado.