Noticias

"Fame de experiencias ? " inicia a súa andadura galega, estatal e internacional tras desbordar todas as expectativas en FITUR

A presentación da Deputación de Pontevedra concentrou ao público máis numeroso de todos os actos realizados na caseta galega na Feira de Madrid


28 xaneiro 2019
Rueda de prensa Carmela Silva

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, fixo esta mañá balance dos resultados acadados en FITUR 2019. "Foi un éxito absoluto, a nosa presentación ateigou de público o auditorio da caseta de Galicia e foi a que concentrou ao maior número de persoas de todas as accións promocionais alí organizadas", informou Silva. Por estes motivos, e debido ás "altas expectativas" das presentacións impulsadas pola Deputación de Pontevedra, a presidenta informou que "empezamos xa a traballar de cara a FITUR 2020".

O formato do lanzamento de "Fame de experiencias" que, a partir de agora inicia a súa andadura en Galicia, no resto do Estado e a nivel internacional, "rachou con todos os moldes e mantivo o interese ata o final, momento no que entregamos a caixa – agasallo que foi tamén outra gran sorpresa", asegurou Silva. Neste eido a presidenta recordou que a caixa conta con 12 experiencias e agasallos para vivir durante todo o ano, de xaneiro a decembro, na provincia de Pontevedra. O éxito do lanzamento da campaña tamén se estendeu ás redes sociais onde a retransmisión da presentación en directo foi unha das máis visitas da historia da Deputación de Pontevedra. Ademais, o vídeo de "Fame de experiencias" acumula xa un alcance total de 17.000 persoas e o do influencer Machbel máis de 2.000 reproducións. En canto a Twitter, os chíos foron vistos 1,2 millóns de veces chegando a preto de medio millón de persoas usuarias.

Xunto á presentación da campaña, durante a feira FITUR a delegación da Deputación de Pontevedra participou no evento Fitur Know How, onde se deu a coñecer, baixo o impulso de Segittur, a Rede Estatal de Destinos Turísticos Intelixentes da que a institución provincial é entidade promotora. Tamén participou na presentación da plataforma de promoción do Club de Castelos de España, rede da que a Deputación é socia tras terse adherido o pasado ano, e apoiou nas súas respectivas presentacións ao concello de Vigo, á Mancomunidade do Salnés e á Rapa das Besas de Sabucedo. Tamén enxalzou Silva o acto de entrega das Q de Calidade Turística, "nunha noite na que se puxo de manifesto que a nosa provincia, co 40 % dos recoñecementos de Galicia é a que conta co maior número de distintivos galegos". Así, a presidenta recordou que "contamos xa con cinco recoñecementos, revalidamos as oficinas do Palacete, do mosteiro de Armenteira e do Aeroporto de Peinador e sumamos dous novos distintivos para as oficinas de Caldas e Cangas, que forman parte da nosa rede de oficinas Info Rías Baixas".

Ademais, durante FITUR, tal e como informou a presidenta realizáronse máis de 22 reunións con touroperadores, medios de comunicación e empresas do sector turístico para dar a coñecer o destino Pontevedra provincia. "Por citar algunhas, estivemos con Conde Nast, Nathional Geographic, Muchoviaje, Lastminute, apps de visitas turísticas, empresas de intelixencia turística, touroperadores de turismo cultural, Segittur, Destinia, Logitravel ou Traveling", asegurou Carmela Silva. Neste eido, a presidenta destacou o grande interese das empresas na enogastronomía, no castelo de Soutomaior e no turismo cultural, e, en canto ás empresas comercializadoras do camiño de Santiago, sobre as rutas que atravesan a provincia de Pontevedra.

Vídeos